A Xunta convoca a segunda edición do distintivo Bandeira Verde de Galicia para recoñecer as boas prácticas dos concellos coa conservación e a protección das paisaxes e do medio ambiente

O director do Instituto de Estudos do Territorio recorda que a candidatura está aberta a todos os concellos que impulsaran proxectos e iniciativas para avanzar tamén nunha xestión responsable dos residuos, na eficiencia enerxética e o cambio climático

Este recoñecemento foi creado polo Goberno galego no ano 2020 para amosar o compromiso dos concellos cos elementos máis representativos da Comunidade galega: o patrimonio natural e as paisaxes

Os concellos que queiran sumarse aos dous municipios, Porto do Son e Moaña, que xa locen este distintivo na Comunidade galega dispoñen ata o 30 de xuño para presentar a súa candidatura por medios telemáticos

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca por segundo ano consecutivo a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, co fin de recoñecer o esforzo e a implicación dos concellos galegos, e dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e patrimonio natural.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se convocan as bases para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia para o ano 2021, co obxectivo -tal e como defendeu o director deste ente, Francisco Barea- de premiar a aqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe. Engadiu que outra das vantaxes do outorgamento deste distintivo é que constituirá un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Á segunda convocatoria, a de 2021, poden optar todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.

En definitiva, trátase de distinguir aos concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais, ou a redución do consumo enerxético.

Galicia dispón dunha rica e extensa diversidade paisaxística e un distintivo como a Bandeira Verde fortalece a imaxe das vilas e pobos de Galicia; polo que o director do IET recoñeceu que a Bandeira Verde é un recoñecemento que ten por obxectivo apuntalar a Galicia verde, poñen en valor o esforzo dos concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños coa protección da paisaxe a do medio ambiente.

Asemade, esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección da contorna natural e paisaxística, amosando o seu compromiso no coidado dos elementos máis representativos.

Os concellos interesados en solicitar a concesión deste distintivo, que na actualidade só ostentan os concellos de Porto do Son e Moaña, poderán presentar a súa candidatura, só por medios electrónicos, dende o 27 de marzo ata o 30 de xuño.

Imaxes relacionadas