O Plan Básico municipal do Concello de Cartelle sométese desde hoxe a información pública por un período de dous meses

Todas as persoas ou entidades interesadas en participar no proceso poden presentar xa as súas achegas ao documento, aprobado inicialmente o 9 de marzo

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someterá a información pública a partir de hoxe e por un prazo de dous meses o Plan Básico Municipal (PBM) do concello ourensán de Cartelle, un instrumento de ordenación recollido na Lei do solo e que foi aprobado inicialmente o pasado 9 de marzo.

Segundo se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, durante o devandito período poderá examinarse o documento, en horario de oficina e sempre con cita previa, nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense ou no propio Concello. Así mesmo, tamén poderá consultarse na páxina web da Consellería, así como remitir posibles achegas e alegacións a través de calquera dos rexistros legalmente habilitados ou por vía telemática ao enderezo sxurb@xunta.gal.

Cómpre lembrar que segundo a Lei do solo de Galicia, os PBM son instrumentos de ordenación urbanística que se redactarán en desenvolvemento do Plan Básico Autonómico para concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento xeral de planificación propio.

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara e motivara a estes concellos a dotarse do seu propio plan básico, a Xunta asumiu a redacción do primeiro PBM, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito municipios, que xa teñen moi avanzada a tramitación dos seus respectivos documentos (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río e Trabada).

Deste primeiro grupo de entidades locais, cinco xa recibiron a aprobación inicial por parte da Consellería nos últimos tres meses: O Páramo, Triacastela, San Xoán de Río, Cartelle e Trabada, este último aprobado onte mesmo.

No caso concreto de Cartelle, cómpre lembrar que se trata do cuarto municipio galego cun PBM aprobado inicialmente e o segundo que supera este trámite na provincia de Ourense, dando así un paso importante de cara a dotarse dun marco urbanístico propio, no que se delimitan 59 núcleos rurais e dous núcleos urbanos: Outomuro e Cartelle.

De igual xeito, un segundo grupo integrado por nove concellos (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus PBM, polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.