A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento

A Xunta ofrece a 87 concellos costeiros unha ferramenta para identificar as construcións afectadas pola Lei de cambio climático

Ángeles Vázquez lembra que o Goberno central conta desde hai unha semana co informe sobre a futura norma estatal da Asesoría Xurídica da Xunta, onde advirte de que o artigo 18 é “inconstitucional” e atenta contra a seguridade xurídica

Apela á “responsabilidade” dos partidos galegos con representación no Congreso porque, di, “teñen na súa man” que non saia adiante: “Loiten por Galicia e polo futuro da costa galega”

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia remitiu unha carta aos 87 concellos galegos con costa na que pon á súa disposición unha ferramenta para poder visualizar as construcións que se verían afectadas nos seus municipios polas modificacións que se queren introducir coa nova Lei de cambio climático

Así o anunciou esta tarde no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen advertiu que o Goberno do Estado está a utilizar a devandita norma, actualmente en tramitación no Congreso, para poñer en risco as concesións outorgadas de forma legal no dominio público marítimo-terrestre, unha “manobra” que supón “un verdadeiro ataque ás empresas galegas” localizadas no litoral.

Durante a súa intervención no Pleno, lembrou que esta non é a primeira vez que o Executivo central tenta interpretar a normativa estatal en materia de costas co fin de que ningunha concesión poida estenderse máis de 75 anos, incluída a duración das posibles prórrogas.

Este sería o obxectivo, segundo explicou, da inclusión do artigo 18 no proxecto de Lei de cambio climático, no que se regula a duración das devanditas concesións e que, por tanto, “anularía” os actos administrativos realizados ao abeiro da Lei de costas de 2013 e que prorrogan de forma extraordinaria este prazo máximo.

Por todo o exposto, a conselleira advertiu de que a estratexia do Goberno do Estado porá en risco milleiros de empregos que dependen de concesións e prórrogas legalmente concedidas.

Segundo as estimacións da patronal, se o artigo 18 da nova Lei de cambio climático sae adiante coa súa actual redacción, o impacto só en Galicia podería supoñer a perda duns 37.000 postos de traballo e 10.000 millóns de euros, o equivalente ao 3% do PIB galego.

Informe xurídico remitido ao Estado

Neste sentido, Ángeles Vázquez referiuse ao informe elaborado pola Asesoría Xurídica da Xunta con relación á futura Lei de cambio climático e que, precisamente, remitiu hai xa unha semana ao Goberno do Estado.

No documento, conclúese que o punto 4 do artigo 18 é “frontalmente inconstitucional” polo seu carácter retroactivo, algo prohibido expresamente na Carta Magna ao afectar a dereitos integrados xa no patrimonio dos suxeitos afectados; e ademais, considera que tamén vai contra a seguridade xurídica.

Finalmente, a conselleira volveu pedirlle ao Goberno central que elimine este punto da lei, ao tempo que apelou á “responsabilidade” dos partidos galegos con representación no Congreso, xa que, dixo, “teñen na súa man” que non saia adiante. “Loiten por Galicia e polo futuro da costa galega”, asegurou.

Imaxes relacionadas