A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu esta tarde a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta que os maiores expertos para propoñer bonificacións na AP-9 son os galegos, que pagan as peaxes e padecen a súa evolución á alza nos últimos anos

Vázquez Mourelle lembra que a Xunta lle remitiu ao Goberno unha proposta con bonificacións para usuarios frecuentes do 100% na volta e descontos para vehículos pesados e familias numerosas

A Xunta pediu ao Ministerio de Transportes o impulso do Corredor Atlántico, acadando o compromiso estatal de crear un comisionado especial

Remarca a necesidade de modernización da rede ferroviaria do noroeste e o impulso da Saída Sur de Vigo e da conexión ferroviaria do porto de Langosteira

Advirte de que a chegada do AVE a Galicia debe de garantir os tempos de viaxe comprometidos polo Goberno

Lamenta que a 1ª fase das obras para achegar Lugo á alta velocidade se demorará ata o 2024 e que non se contemplen as variantes de Rubián e dos Peares, o que suporá que o tempo de viaxe ata Ourense seguirá a ser como do século XIX

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que os maiores expertos para propoñer bonificacións na autoestrada AP-9 son os galegos, “quen pagan as peaxes e padecen a súa evolución á alza nos últimos anos”.

Vázquez Mourelle destacou o amplo coñecemento do territorio e da AP-9 por parte da Xunta, que xa lle remitiu en febreiro ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana unha proposta con descontos para os usuarios frecuentes que inclúe a bonificación do 100% na volta, un desconto adicional na ida para os coches que completen a volta en 24 horas ou rebaixas para familias numerosas, vehículos pesados ou en horario nocturno.

Indicou que este asunto se abordou na reunión celebrada o pasado 10 de marzo entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos.

Subliñou que grazas á capacidade de liderado do presidente da Xunta, Galicia participará no deseño desas bonificacións das peaxes para a AP-9, o que cualificou como lóxico, lembrando tamén que se está a tramitar no Congreso a transferencia a Galicia desta autoestrada.

Sinalou que o ministro Ábalos se comprometeu a que o Real Decreto que rexerá a aplicación desas bonificacións se publicará en tempo para que a rebaixa das peaxes poida ser efectiva no segundo semestre deste ano.

A Xunta tamén reiterou nesa reunión a urxencia do impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías, acadando o compromiso estatal de nomear un comisionado especial para esta infraestrutura, unha petición que viña solicitando o Goberno galego para recibir igual trato que o Corredor Mediterráneo, tanto en seguimento como en esforzo investidor.

A conselleira explicou que o Corredor Atlántico require obras de modernización en toda a rede ferroviaria do noroeste peninsular, pero destacou actuacións como a Saída Sur de Vigo e a conexión ferroviaria de Langosteira, polo impacto no desenvolvemento industrial.

Apuntou que a conexión de tren a Langosteira, que o Ministerio se comprometeu a financiar, custa 140 millóns de euros, pero pode optar a investimentos procedentes dos fondos europeos porque é un proxecto maduro e que cumpre os condicionante para acceder a este tipo de financiamento.

Avanzou que no vindeiro encontro entre ambas as administracións, a principios de abril, segundo o acordado, o Goberno galego porá enriba da mesa a busca de solucións para a complicada situación financeira do porto da Coruña. Instou a atopar alternativas igual que xa se fixo para outros portos en situación semellante.

No que se refire á chegada da alta velocidade a Galicia, a conselleira concretou que a Xunta demandará que o AVE se poña en funcionamento garantindo os tempos de viaxe competitivos polo Goberno.

Ademais, sinalou que é preciso seguir afondando nas conexións cara a Ferrol e Lugo, que acumulan anos de retraso. En relación á conexión de Lugo lamentou que as obras presentadas polo Executivo central en Monforte suporán rebaixar á metade o orzamento comprometido en 2018 polo Goberno de Rajoy, pasando de máis de 1.000 millóns de euros aos 550 millóns.

Recordou que a 1ª fase destas obras xa tiña que estar rematada neste ano, segundo o comprometido, pero demorarase como mínimo, ata o 2024, sen contemplar, ademais, a construción das variantes de Rubián e dos Peares. Isto suporá que o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense seguirá a ser do século XIX, privando aos lucenses da alta velocidade ferroviaria.

Imaxes relacionadas