O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión con entidades que xestionan esta iniciativa na Comunidade

A Xunta destaca que 680 persoas se benefician en Galicia do Programa de Protección Internacional

Ofrécese acompañamento e asesoramento a persoas solicitantes de asilo

Os países de procedencia máis frecuentes son: Siria, Venezuela, Ucraína, Xeorxia e Honduras

As entidades que xestionan este programa son: Cruz Vermella, ACCEM, Provivienda, Diaconía, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL) e Diversidades

Esta xuntanza enmárcase nos encontros periódicos que se veñen realizando no marco da xestión desta iniciativa

Santiago de Compostela, 24 de marzo

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse hoxe con representantes das seis entidades de iniciativa social que xestionan actualmente en Galicia o programa de acollida a persoas solicitantes ou beneficiarias de protección internacional. Esta iniciativa beneficia na actualidade a 680 persoas solicitantes de asilo que participan no dito programa, repartidas entre as catro provincias galegas.

Os destinatarios son persoas de nacionalidades diversas, principalmente de Siria, Venezuela, Ucraína, Xeorxia ou Honduras, e o perfil maioritario son familias con menores a cargo. Pola súa banda, as seis entidades que xestionan este programa son Cruz Vermella, ACCEM, Provivienda, Diaconía, Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL) e Diversidades, integrada esta última en Red Acolle.

A Xunta colabora coas entidades xestoras do programa facilitando o acceso á vivenda, a educación ou á sanidade e minimizando os posibles atrancos que poidan xurdir nesta primeira acollida. Así mesmo, tamén favorece que participen en programas de inclusión e integración da poboación inmigrante que financia a Consellería de Política Social.

Encontros periódicos

A xornada de traballo mantida hoxe enmárcase nas reunións periódicas que mantén a Dirección Xeral de Inclusión Social coas entidades que xestionan o programa, para coñecer de primeira man como se está a realizar e tratar de resolver as incidencias que poidan ir xurdindo.

Así mesmo, e de xeito específico, analizáronse as repercusións dos cambios de modelo de xestión e atención da Protección Internacional que están previstos a nivel estatal, así como no avance das medidas que dende o ámbito autonómico permitirán seguir a construír un sistema que dea cobertura ás necesidades das persoas inmigrantes e refuxiadas que chegan a Galicia.