A Xunta licita por 711.000 euros as obras de reforzo do firme en nove quilómetros da estrada LU-636 no concello de Becerreá

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presentou hoxe os traballos de mellora da seguridade viaria neste treito, que terán un prazo de execución estimado de seis meses

A actuación forma parte dun proxecto de acondicionamento de tres vías autonómicas que inclúe a LU-546 e a LU-741 e suma un orzamento de 1,7 millóns de euros

Lugo, 24 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras de reforzo do firme ao longo de nove quilómetros da estrada LU-636 ao seu paso polo concello de Becerreá, ás que destina un orzamento de 711.415 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que está previsto actuar desde o punto quilométrico 22 ata o 31,140, situado á entrada do núcleo de Becerreá. O prazo de execución estimado dos traballos é de seis meses.

Arias, acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), presentou hoxe o proxecto de acondicionamento deste treito da LU-636, unha vía que conecta Becerreá con Sarria e discorre tamén polos termos municipais de Baralla e Láncara.

Segundo destacou, a intervención inclúe a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos catro quilómetros ata acceder á localidade becerrense aplicarase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.

Así mesmo, nos tramos en curva instalaranse barreiras e cunetas de seguridade polas marxes interiores. Posteriormente, renovarase a sinalización horizontal en todas as zonas de actuación.

O delegado sinalou que esta intervención está incluída nun proxecto de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que tamén contempla melloras na LU-546 e na LU-741. Todas estas obras saen hoxe a licitación por un importe total próximo a 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o 19 de abril.

Imaxes relacionadas