O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presidiu a xuntanza do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma

A Xunta lanzará a III macroenquisa de diagnose de convivencia dentro da nova Estratexia Galega de Convivencia, Educonvives 2021-25

Esta mostra censal terá un carácter bianual co fin de obter unha secuencia histórica de información determinante para a implementación de accións que fomenten o bo clima nas aulas e reduzan as condutas negativas

Román Rodríguez incide na necesidade de abordar as problemáticas de convivencia desde unha perspectiva integral a través de grupos de traballo provinciais na que participen, ademais dos profesionais docentes, participen dos ámbitos sanitario, social e local

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia lanzará no terceiro trimestre a III macroenquisa sobre convivencia escolar para testar o estado da convivencia no sistema educativo galego e trazar a evolución desde o ano 2015 cando se realizou a primeira mostra deste tipo que logo foi actualizada en 2019, tal e como se informou hoxe na reunión do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma, que presidiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Esta macroenquisa censal, que abrangue ao conxunto da comunidade educativa (docentes, alumnos, persoal non docente que traballa nos centros e familias), a partir de agora vai ter un carácter bianual xa que o seu obxectivo é dispoñer dunha perspectiva integral sobre o estado da convivencia nos centros educativos e realizar unha trazabilidade da súa evolución con datos que sirvan de base para a implementación de medidas de avance e mellora neste ámbito. “Teremos así −expresou Román Rodríguez− unha secuencia histórica dos parámetros e variables fundamentais, e obteremos información precisa para unha mellor planificación das accións futuras”.

Á falta da configuración final dos contidos dos cuestionarios, estes van manter un corpo de preguntas fixas que serán completadas con outras novas que permitan avaliar a incidencia da pandemia na convivencia. Así mesmo, co fin de acadar a maior participación posible, estanse deseñando modos máis áxiles de acceso ás enquisas de xeito que se obteña o maior número de respostas posible e poder obter información máis certeira.

Estratexia para o próximo lustro

Esta macroenquisa vai formar parte da nova Estratexia Galega de Convivencia para os próximos cinco anos, Educonvives 2021-25, logo do remate da vixencia da actual estratexia, que, segundo lembrou o conselleiro, foi a primeira deste tipo que se puxo en marcha en todo o territorio español. Precisamente agora se vai abrir unha rolda de contactos con todos os sectores implicados para a elaboración desta estratexia, co fin de acadar un documento o máis amplo, rigoroso e dialogado posible.

Así mesmo, na súa intervención, Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de abordar as problemáticas de convivencia desde “unha perspectiva integral” porque se trata de situacións que na meirande parte dos casos exceden o ámbito estritamente educativo.

Neste sentido, avanzou que se vai estudar a posibilidade de crear grupos de traballo provinciais coa participación de profesionais docentes, pero tamén de expertos dos ámbitos sanitario, social e local co fin de analizar casos concretos de problemáticas de convivencia.

O conselleiro referiuse tamén á importancia de “visualizar as prácticas positivas” de convivencia que se están desenvolvendo en moitos centros polo que avanzou a creación dun premio específico de boas prácticas que estará integrado na nova Estratexia Galega de Convivencia 2021-2025.

Imaxes relacionadas