A Xunta e o Concello de Marín asinan o convenio de colaboración para mellorar a rede de saneamento na contorna do río Lameira, que suporá un investimento de 3,6 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará o 80% do orzamento, case 2,9 millóns de euros, e o Concello de Marín o 20 % restante, 720.000 euros
 

A Xunta prevé iniciar nas próximas semanas os trámites expropiatorios para proceder posteriormente á licitación das obras, que teñen un prazo dun ano

O obxectivo é renovar o colector xeral nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada PO-313 en Coirados ata a ponte Zapal, no casco urbano
 

Os traballos prevén a mellora da estación de bombeo do río, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta actualmente deficiencias

Esta obra forma parte das 10 novas actuacións que impulsará a Xunta dentro do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, cun investimento global de 15 M€
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe, telematicamente, coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, o convenio de colaboración para a execución da mellora da rede de saneamento na contorna do río Lameira, que suporá un investimento de 3,6 millóns de euros.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, achegará o 80% do orzamento, case 2,9 millóns de euros, e o Concello de Marín achegará o 20% restante, 720.000 euros.

As actuacións serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de covid-19.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar nas próximas semanas os trámites expropiatorios para poder proceder, posteriormente, á licitación das obras, que teñen un prazo de execución dun ano.

O proxecto ten como obxectivo definir as actuacións necesarias para mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira, renovando o colector xeral nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada autonómica PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.

A actuación inclúe a xestión das augas pluviais do sistema unitario da conca do río Lameira, en tempo de chuvia, coa construción dun elemento regulador dos caudais enviados augas abaixo que, bombeados en dúas etapas, rematan finalmente na depuradora.

Os traballos recollen a mellora da estación de bombeo do río Lameira, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta actualmente deficiencias, tanto hidráulicas que orixinan frecuentes alivios ao medio, como de explotación pola ausencia de equipos para a xestión eficiente.

Ademais, o proxecto abrangue a mellora ambiental do río Lameira en toda a súa lonxitude, degradado pola existencia de residuos ou a invasión de maleza. A reparación do leito abrangue a construción dun acceso polo bordo exterior da zona de servidume, así como intervencións para eliminar obstáculos, reconstruír muros e retranquear peches.

Saneamento da ría de Pontevedra

Esta actuación en Marín forma parte das 10 novas intervencións que impulsará a Xunta dentro do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, cun investimento global de 15 millóns de euros.

Entre as obras identificadas como necesarias, destacan as planificadas na contorna do río Lameira, en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o novo tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.

Todos estes traballos enmárcanse no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que contén un programa de actuacións cun investimento de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con obras xa en marcha por 32 millóns e outras novas proxectadas por máis de 15 millóns.

No marco destas intervencións, Augas de Galicia xa rematou actuacións como o novo colector e a estación de bombeo en Marín. Tamén avanzan a mellora da depuradora de Praceres, así como a tramitación para iniciar a construción do novo emisario submariño de 3,6 km de lonxitude, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría.

Estas actuacións son estratéxicas para contribuír á mellora do marisqueo, da pesca, do turismo e da calidade de vida dos veciños desta área.

O Goberno galego vén traballando e achegando inxente axuda técnica e económica aos concellos para axudalos a exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento.