A Xunta aposta pola colaboración co movemento veciñal para contribuír á dinamización da vida local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe cos novos integrantes da directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe coa nova directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave) que asumirá nos próximos dous anos a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti da provincia de Lugo.

Natalia Prieto destacou a importancia de colaborar coas asociacións veciñais, debido ao importante papel que desempeñan na vertebración da vida local dos concellos, así como na dinamización das súas zonas. Ademais, son o ámbito máis próximo á veciñanza para que os cidadáns poidan trasladar as súas demandas.

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” ten como obxectivo prioritario dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións de veciños demandan para garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento.

O Goberno galego conta con outras medidas a prol do asociacionismo veciñal como as subvencións do Plan específico de acción comunitaria para asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que na convocatoria deste ano mantén o orzamento de 2,5 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas