A Xunta ve na transición enerxética unha prioridade e unha oportunidade para impulsar a recuperación económica de Galicia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá, mediante videoconferencia, na xornada ‘A transición ecolóxica marca o futuro’

Nun contexto marcado pola necesaria recuperación e a captación de fondos europeos, Galicia avanza na identificación e maduración de proxectos e conta cun marco normativo adaptado á situación actual grazas á recente aprobación da Lei de reactivación económica

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá, mediante videoconferencia, na xornada A transición ecolóxica marca o futuro, onde defendeu que a transición enerxética é unha prioridade e unha oportunidade para impulsar a recuperación económica de Galicia.

Na súa intervención referiuse aos fondos Next Generation, un instrumento que facilitará a transformación do tecido produtivo galego e pensado para dar resposta aos desafíos que o contexto actual require desde o punto de vista económico, ambiental e social. Neste sentido lembrou o traballo que a Xunta, en colaboración cos axentes económicos e sociais, está realizando para identificar e madurar iniciativas viables. Destacou, por exemplo, o Polo para a transformación de Galicia que, con catro proxectos tractores e catro transversais, prevé mobilizar máis de 3000M€ nos primeiros tres anos.

Xunto con este traballo, o Parlamento galego vén de aprobar a Lei de simplificación administrativa de apoio á reactivación económica, xa que neste contexto era necesario adaptar o marco normativo á situación actual, na que a reactivación e os fondos europeos definirán o futuro da Comunidade. A nova lei supón un cambio de cultura administrativa para maximizar a axilización e reducir nun terzo os tempos de tramitación coas máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais. As novas medidas apoian o investimento e afondan nunha maior simplificación.

Imaxes relacionadas