O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe nun webinario organizado por AJE Galicia

A Xunta amplía os prazos de amortización e carencia da súa liña de préstamos e microcréditos para seguir apoiando a solvencia do tecido empresarial galego

O DOG publica hoxe esta medida pola que se amplía ata os dous anos o período de carencia e en tres anos máis o prazo de amortización destas operacións avaladas polo Igape

Conde adianta que xa foron aprobadas as primeiras axudas por máis de 6,5M€ para facilitar que 922 restaurantes e cafeterías poidan acondicionar as súas terrazas e favorecer as vendas a domicilio ou a recollida no local

Apunta que o Bono Activa Comercio contribuirá a dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade cunha mobilización de 55M€
 

Santiago de Compostela, 23 marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou esta mañá que, co obxectivo de seguir apoiando a solvencia das empresas galegas, a Xunta vai ampliar ata os dous anos o período de carencia da súa liña de préstamos e microcréditos e incrementará en tres anos máis o prazo de amortización destas operacións, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Nun webinario organizado por AJE Galicia para informar sobre as axudas da Xunta para pemes e autónomos, Conde lembrou que esta liña de préstamos e microcréditos avalados polo Igape en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, foi aprobada cando se iniciou a pandemia para dar liquidez ao tecido empresarial galego coa previsión de mobilizar máis de 300 millóns de euros.

No encontro, no que tamén participaron o director do Igape, Fernando Guldrís e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, o vicepresidente económico precisou que a Xunta activou en tempo récord 160 millóns de euros en axudas directas a través do Plan de rescate. Na primeira convocatoria, xa foron entregadas máis de 33.000 axudas. E, nesta segunda, xa se empezaron a pagar, con menos requisitos e unha tramitación moi sinxela. A Xunta, ademais, xa está a perfilar unha terceira edición deste plan, que se activará cos cartos que o Goberno central achegará ás comunidades autónomas. A Administración autonómica quere ter preparadas as axudas para tramitalas en canto reciba os fondos do Estado.

 

O vicepresidente económico deu conta, tamén, doutras dúas medidas de apoio que parten especificamente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para apoiar dous sectores que están a resultar máis castigados polo efecto da covid-19: a hostalería e o comercio.

No primeiro caso, subliñou que a Xunta ampliou de tres a 11 millóns de euros a súa liña de apoios para facilitar que restaurantes e cafeterías poidan acondicionar as súas terrazas ou implantar a venda a domicilio ou para levar. Ao respecto, adiantou que xa foron aprobadas as primeiras axudas por máis de 6,5 millóns de euros dirixidas a máis de 922 negocios de hostalaría.

No que respecta ao sector do comercio, Conde apuntou que a Administración autonómica acaba de aprobar o Bono Activa Comercio, co que se prevé dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade e reactivar o sector cunha mobilización de 55 millóns de euros. Trátase dun programa que conta cun orzamento de 10 millóns de euros que se repartirán en bonos desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar máis de 330.000 clientes.

O vicepresidente económico recalcou que a Xunta está a facer un intenso labor de acompañamento aos sectores máis afectados pola pandemia e subliñou que porá todos os medios ao seu alcance para dar a máxima axilidade á tramitación das axudas aprobadas polo Goberno para pemes e autónomos que, segundo dixo, chegan tarde e penalizan a Galicia, que deixa de percibir 110 millóns de euros menos.
 

Imaxes relacionadas