A Xunta acomete a humanización integral da rúa San Benito de Arbo cun investimento de 170.000 € ao abeiro do Plan Hurbe

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Horacio Gil, supervisan os traballos, que estarán rematados despois de Semana Santa para completar a modernización deste vial de acceso ao núcleo urbano tras a realizada na rúa Antonia Tovar

A actuación consiste na renovación e ensanchamento das beirarrúas, a dotación dunha nova plataforma de calzada, a mellora das prazas de aparcamento e da sinalización e o reemprazo de todos os servizos

Arbo, 23 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a acometer as obras de humanización integral da rúa San Benito de Arbo cun investimento de case 170.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

Actualmente, esta mellora urbana está moi avanzada e agárdase que estea rematada despois de Semana Santa, segundo sinalou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que supervisou os traballos de modernización deste vial de acceso ao núcleo urbano xunto ao alcalde, Horacio Gil, e outros membros do goberno local.

“A Xunta de Galicia desenvolve, dende o ano 2010, o Plan Hurbe para favorecer a posta en valor das vilas e dos núcleos rurais e, neste tempo, executou máis de 300 actuacións cun investimento de case 150 millóns de euros que repercutiu notablemente na modernización e confortabilidade dos nosos pobos”, desvelou o representante autonómico, que engadiu que este programa “contribúe a mellorar a imaxe, os servizos e as infraestruturas dos pequenos núcleos como ferramentas contra a despoboación a través do incremento do benestar e da calidade de vida”.

A humanización da rúa San Benito de Arbo, que complementa e da continuidade á xa acometida na rúa Antonia Tovar nunha primeira fase anterior tamén financiada pola Xunta, beneficia a un treito duns 120 metros no que na actualidade estase procedendo ao ensanchamento e renovación das beirarrúas, que quedarán rematadas en baldosa hidráulica ou lousas de granito segundo a zona.

Así mesmo, a actuación tamén contempla a dotación dunha nova plataforma de calzada, a mellora das prazas de aparcamento, a instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical e o reemprazo e modernización de todos os servizos.

Procederase á canalización da rede de saneamento de augas pluviais e fecais, a renovación das tubaxes con válvulas específicas para o abastecemento veciñal, o soterramento das liñas de telecomunicacións e de subministración de enerxía eléctrica e a instalación de luminarias led para gañar en eficiencia.

Imaxes relacionadas