A Xunta convoca axudas de ata 15.000 € para comprar vivendas na ducia de cascos históricos declarados na provincia da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou que estas axudas alcanzarán a contía máxima na cidade da Coruña, por ser unha das tres áreas Rexurbe declaradas en Galicia

Entre as novidades deste ano están a eliminación do requisito da idade para poder acceder ás axudas e a ampliación do límite de ingresos dos posibles beneficiarios para facilitar o asentamento de poboación nestas zonas
 

A Coruña, 23 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o casco histórico da Coruña para anunciar que desde o pasado martes xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a compra de vivenda nalgún dos doce concellos galegos da provincia da Coruña que teñen declarado un centro histórico.

Na provincia os cascos históricos están recoñecidos nos concellos de Betanzos, Corcubión, A Coruña, Ferrol, Mugardos, Muros, Neda, Noia, Padrón, Pontedeume, Rianxo e Santiago de Compostela.

O representante do Goberno autonómico destacou que “o obxectivo principal co que se puxo en marcha este programa é o de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica”

Segundo a resolución publicada no DOG, as persoas interesadas poden solicitar estas axudas ata o vindeiro 1 de setembro. Trátase da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado.

Entre as principais novidades desta terceira convocatoria destaca que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos, co fin de favorecer o asentamento de poboación nos conxuntos históricos.

Trenor destacou que a contía das axudas elévase ata os 15.000 euros nas tres áreas Rexurbe declaradas en Galicia como é o caso da Coruña, onde estas axudas son de maior contía. Nos demais casos o importe da subvención variará en función da idade do solicitante, de forma que se a vivenda foi adquirida por unha persoa maior de 35 anos, o importe máximo a percibir será de 10.800 euros; unha contía que se ampliará ata os 12.800 euros cando os solicitantes sexan menores de 35 anos.

Novidades da terceira convocatoria

A outra gran novidade da orde de axudas deste ano refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.

Estas axudas enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.

Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.

Imaxes relacionadas