A Xunta convoca axudas de ata 12.800 € para mercar vivendas en dez cascos históricos de Pontevedra, Vilagarcía, Marín, Poio, Tui, Caldas de Reis e Cambados

O delegado territorial da Xunta, Luis López, anuncia esta liña, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 1 de setembro, no casco antigo de Pontevedra, cidade na que tamén poden beneficiarse destas subvencións as operacións en Estribela

A zona vella de Vilagarcía, os núcleos de Carril e Vilaxoán, os centros históricos de Tui e Cambados, Combarro, Santo Tomé de Caldas de Reis e a zona vella e barrio da Banda do Río Lameira de Marín son as outras contornas enmarcadas nesta orde

Entre as novidades deste ano figuran a eliminación do requisito da idade para acceder ás achegas, quedando abertas a toda a poboación, e a ampliación do límite de ingresos dos beneficiarios para facilitar o asentamento nestes espazos
 

Pontevedra, 23 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de convocar axudas para a adquisición de vivendas nos cascos históricos de sete concellos da área territorial, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Marín, Poio, Tui, Caldas de Reis e Cambados, para facilitar o asentamento poboacional e a recuperación social destes barrios.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse ata o casco antigo da capital provincial, que é un dos dez espazos da área territorial susceptibles de beneficiarse destas subvencións xunto coa contorna de Estribela, tamén en Pontevedra; a zona vella e os núcleos de Carril e Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa; os centros históricos de Tui e Cambados; o lugar de Combarro, en Poio; o barrio de Santo Tomé, en Caldas de Reis; e a zona vella e barrio da Banda do Río Lameira, en Marín.

O representante autonómico, que revelou que o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 1 de setembro, explicou que as achegas serán de ata 12.800 euros por vivenda para os compradores menores de 35 anos e de 10.800 euros para os maiores desa idade co límite do 20% do prezo de adquisición, sen incluír os gastos e tributos inherentes á compra.

Ata o 90% das familias

Esta terceira convocatoria do programa, dotada con 600.000 euros -case seis veces máis que en 2020-, ten como principais novidades a supresión do requisito de ser menor de 35 anos para optar as axudas, que agora están abertas a toda a poboación, e a ampliación do límite de ingresos para ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Así, elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que permite incluir a case o 90% das familias galegas co obxectivo de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario.

Estas axudas enmárcanse no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, que foi consensuado cos principais colectivos profesionais do sector e coas asociacións de consumidores e que pretende beneficiar, con todas as súas liñas de actuación, a unhas 70.000 familias galegas durante este período.

O delegado territorial puxo en valor esta proposta “xa que axudará a recuperar, con criterios expansivos abertos a toda a sociedade, os nosos núcleos históricos e de maior valor patrimonial favorecendo a súa dinamización social en base aos principios de humanización e confortabilidade”.

Así mesmo, engadiu que esta liña súmase ás outras abertas pola consellería, como os seis programas para rehabilitación por 12 millóns de euros, a compra de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes con axudas de ata 10.800 euros para menores de 35 anos ou os bonos de alugueiro social, entre outras. “Pretendemos aproveitar a potencialidade do existente, primando as rehabilitacións e a optimización do parque de vivendas baleiras, facendo que Galicia sexa cada vez máis un lugar inmellorable para vivir con fogares cada vez máis acolledores e funcionais e outorgando oportunidades para todos”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas