A Xunta acollerá no Edificio Xudicial de Lugo o novo Xulgado do Social que comezará a funcionar a próxima semana

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto co presidente do TSXG, José María Gómez y Diaz-Castroverde as instalacións do novo xulgado nº4 do Social de Lugo

O Goberno galego aprobou as 8 prazas de funcionarios para este órgano xudicial e destinou máis de 32.000 euros á dotación de mobiliario e de equipamento informático

A Xunta investiu 850.000 euros na posta en marcha deste xulgado xunto co nº7 do Social de Vigo e o nº7 da Coruña

Lugo, 22 de marzo de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto co presidente do TSXG, José María Gómez y Diaz-Castroverde, as instalacións do novo xulgado nº4 de Lugo no edificio dos Xulgados, que xa conta con todo o equipamento necesario para botar a andar o mércores da próxima semana.
O novo órgano xudicial ubicarase na mesma planta que os outros tres xulgados do social, polo que entre as actuacións levadas a cabo pola Xunta para a súa posta en marcha trasladouse o Xulgado de Menores á Audiencia Provincial e no seu espazo o xulgado de Primeira instancia nº5, para situar na ubicación que ocupaba este último o novo xulgado do social.
Á visita tamén acudiron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a xuíza decana dos xulgados de Lugo, Olalla Díaz; a secretaria de coordinación provincial, Carmen Varela; así como os decanos de colexios de avogados e do de procuradores da provincia, José Félix Mondelo e Jacobo Varela respectivamente, ademais do presidente da Xunta de Persoal da Administración de Xustiza en Lugo, Xesús H. Sánchez.
O xulgado contará con 8 prazas de funcionarios -2 xestores, 4 tramitadores e 2 auxilios- e conta con todo o material necesario, que supuxo un investimento de máis de 31.200 euros por parte da Xunta para a instalación do mobiliario e do equipamento informático.
O Goberno galego investiu 850.000 euros na creación dos tres novos xulgados do Social na comunidade galega: este nº4 de Lugo, xunto con nº7 de Vigo e o nº7 da Coruña, que tamén comezarán a funcionar o próximo mércores. O 85% do investimento con 722.000 euros corresponde ao custo das 24 prazas de funcionarios aprobadas para os tres órganos xudiciais. O nomeamento de xuíces, fiscais e letrados da Administración depende do Ministerio de Xustiza.
Alfonso Rueda sinalou destacou que a Xunta vén reclamando a axilidade para poñer en marcha canto antes neste primeiro trimestre estes tres órganos xudiciais co obxectivo de axilizar os asuntos pendentes da xurisdición do Social, que nestes momentos é unha das que máis carga de traballo ten debido á situación derivada da crise sanitaria da covid-19, xa que atende casos como Ertes ou despidos, con grande incidencia para moitas familias.

Ademais, destacou o compromiso da Xunta por dotar dos medios necesarios a tódolos xulgados que se aproben para a comunidade e destacou a importancia deste novo xulgado do Social de Lugo que a Administración autonómica, no marco da Comisión Mixta co TSXG viña solicitando desde 2018.

Por outra parte, a Comisión Mixta tamén xa presentou este mes ao Ministerio de Xustiza as novas unidades xudiciais correspondentes a 2021 tendo en conta a carga de traballo dos órganos co máis volume de asuntos. A proposta inclúe unha praza de maxistrado para a Audiencia provincial de Lugo e outra para a de Ourense, ademais da creación dun xulgado do Mercantil na Coruña.

Imaxes relacionadas