A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co alcalde, José Luis Gavilanes

A Xunta estudará vías de colaboración co Concello de Xunqueira de Ambía para poñer en valor a contorna dun espazo BIC

O proxecto municipal ten como obxectivo intervir sobre unha praza integrada no conxunto da Colexiata de Santa María de Xunqueira

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Xunqueira de Ambía analizarán a posibilidade de colaborar economicamente na execución dun proxecto municipal que ten como fin recuperar e poñer en valor unha praza en pleno centro urbano.

Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor deste municipio ourensán, José Luis Gavilanes, no transcurso dunha reunión telemática celebrada esta semana na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.

Concretamente, as actuacións que pretende levar a cabo o concello ourensán céntranse nunha praza integrada no conxunto da Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, declarado Monumento Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dunha área localizada no centro do núcleo urbano e conformada por un conxunto de espazos públicos envoltos por edificacións tradicionais de pedra con cubertas de tella cerámica.

Os traballos de recuperación incluídos no proxecto teñen por finalidade manter e conservar a contorna da colexiata, así como resolver situacións mellorables que se foron consolidando ao longo do tempo –por exemplo, as instalacións á vista- de forma que, unha vez completada a intervención, poida ofrecerse unha mellor imaxe do conxunto deste espazo.

Pola súa parte, Vázquez Mejuto trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para 2021 hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, tal e como lle trasladou o rexedor á conselleira, o Concello de Xunqueira de Ambía presentou xa outro proxecto á orde de axudas para financiar equipamentos municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes, convocada o pasado 8 de marzo. Este programa, de carácter bianual, ten consignados 1,3 millóns para financiar actuacións ao longo de 2021 e outros 950.000 euros para o vindeiro exercicio.

Cómpre lembrar que desde o ano 2010, a Xunta leva colaborando coas entidades locais a través do Plan Hurbe na execución de diferentes intervencións e proxectos co obxectivo de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.
 

Imaxes relacionadas