A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co alcalde, Santiago Freire

Medio Ambiente lembra ao Concello de Noia que o Fondo de Cooperación permite acceder a incentivos sen xuros para recuperar inmobles de uso público

A Xunta invita ao municipio a participar neste programa que se abrirá nas próximas semanas e que contará con 4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Noia, Santiago Freire, que o departamento que dirixe conta co Fondo de Cooperación, un programa para a recuperación de inmobles e edificios de uso público.

Ángeles Vázquez mantivo esta semana unha reunión co rexedor local, ao que lle explicou que se trata dun programa para apoiar o financiamento de actuacións de rehabilitación ou de conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, por medio de préstamos sen xuros, a devolver no prazo máximo de 8 anos.

Nese sentido, invitou ao alcalde a participar deste programa do Instituto Galego da Vivenda e Solo e solicitar un préstamo de 400.000 euros, para recuperar o antigo estaleiro e destinar o espazo ás actividades deportivas e náuticas, tal e como pretende acometer a Administración local.

A conselleira avanzoulle que a previsión da Xunta é abrir a convocatoria nas próximas semanas e contará con 4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas