Medio Ambiente abre a posibilidade de que Narón deposite os biorresiduos na planta que Sogama ten neste concello

A Xunta realizou unha inversión de 250.000 euros para mellorar o servizo que se ofrece desde Narón aos concellos da contorna

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta semana á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que o seu departamento analizará a posibilidade de que os biorresiduos que se xeren neste concello se poidan depositar nas instalacións que Sogama ten neste municipio.

A conselleira mantivo esta semana unha reunión coa alcaldesa, á que lle lembrou que a Xunta acaba de mellorar esta planta de transferencia despois dun investimento de 250.000 euros, grazas ao cal se mellorará o servizo que se ofrece desde Narón aos concellos da contorno.

Trátase dun investimento que se completará coa construción dunha nova tolva, co fin de transvasar os biorresiduos do quinto contedor desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade, para así trasladados ao Complexo medio ambiental de Sogama en Cerceda, onde serán tratados.

Así mesmo, Ángeles Vázquez felicitou á rexedora por comprometerse coa xestión deste tipo de residuos e por dar pasos para avanzar no cumprimento do obxectivo de reciclar o 55% do total dos residuos producidos para o ano 2025, unha meta marcada pola recente modificación da Directiva Marco de Residuos. Explicoulle que a coa recollida separada e a reciclaxe dos biorresiduos contribúese a pechar o ciclo da materia orgánica, transformando un residuo, como son os restos de comida e restos vexetais, nun produto de calidade: o compost.

Por último, a conselleira lembrou que o Concello de Narón está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, polo cal xa se lle entregaron 25 compostadores.
 

Imaxes relacionadas