A Xunta avanza co Goberno central na posta en marcha do protocolo de teletraballo na administración de Xustiza

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe por videoconferencia na reunión da conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, na que se abordou a posta en marcha dun protocolo común de teletraballo na Administración de Xustiza.

Este protocolo supón desenvolver a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público para regular esta modalidade de traballo na Administración de Xustiza, establecendo normas básicas aplicables a estes funcionarios en todo o territorio do Estado, como a porcentaxe do persoal funcionario que pode acollerse ao teletraballo, así como os pasos e requisitos para solicitalo.

A Xunta tamén continua a avanzar na modernización dos órganos xudiciais no marco do Plan Senda e implantará novas salas de vistas xudiciais, que se sumarán ás xa activadas o ano pasado, ademais de incrementar a rede de videoconferencias, que viu xeneralizado o seu uso debido á crise sanitaria da covid-19. No caso do teletraballo, tamén se continuará coa consolidación desta modalidade, que xa empregan un terzo dos funcionarios xudiciais.

Imaxes relacionadas