A Xunta colabora coa mancomunidade do Salnés na instalación dun sistema solar fotovoltaico na estación de bombeo de auga potable

Reducirá o consumo enerxético nun 55,8% e evitará a emisión de 67.658 kg de CO2 anuais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións e valorou o proxecto presentado polos concellos mancomunados
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 18 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a estación de tratamento de auga potable da Mancomunidade do Salnés, entidade coa que colaborou a Xunta para a instalación dun sistema solar fotovoltaico que permita aforrar enerxía e reducir emisións ao medio ambiente.

A actuación encádrase na liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental mediante o sistema de xestión compartida, que valora positivamente os proxectos emprendidos de maneira conxunta por varias entidades. En concreto, o sistema solar fotovoltaico benefíciase das partidas destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e á realización de actuacións de investimento que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

A planta fotovoltaica permitirá reducir o consumo enerxético anual nun 55,8% e evitar a emisión de 67.658 quilogramos de CO2 anuais, polo que se trata dun proxecto de alto interese polo que representa a enerxía fotovoltaica de autoconsumo instantáneo e sen vertido de excedentes. A planta, de 98 KW, formada por módulos fotovoltaicos e inversores, consegue un importante aforro enerxético e económico, ao mesmo tempo que mellora o impacto ambiental do tratamento da auga potable.
A colaboración enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, que destina os ingresos derivados do canon eólico a axudas nos municipios que teñen parques de aproveitamento eólico no seu territorio e aos que presentan proxectos de recuperación ambiental. A Xunta mantén este ano o orzamento de 11 millóns de euros para esta orde de axudas, que contempla proxectos que teñan que ver coa conservación da biodiversidade, o uso de enerxías renovables, a protección do medio ambiente, a mellora de eficiencia enerxética, sistemas de aforro de auga e xestión de residuos, ademais da adquisición coma neste caso de maquinaria ou a contratación de persoal para levar a cabo estas iniciativas.

A Mancomunidade do Salnés beneficiouse na última década de axudas que superan os 500.000 euros dos fondos que a Dirección Xeral de Administración Local destina aos concellos e os proxectos mancomunados coa finalidade de mellorar infraestruturas e servizos en beneficio da veciñanza.

Imaxes relacionadas