A Xunta destinará case 200.000 euros a pagar os xuros de préstamos a particulares para a rehabilitación de vivendas

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para 2021 das axudas, dirixidas aos particulares ou ás comunidades de propietarios

O importe máximo do crédito exento de xuros ao que se pode optar é de 60.000 euros, concedidos por entidades financeiras cunha serie de condicións vantaxosas
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 199.048,20 euros á subsidiación dos xuros correspondentes aos préstamos que se concedan este ano para rehabilitar edificios e vivendas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se convocan as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de inmobles de carácter residencial. Trátase dunha medida incluída no Pacto social pola vivenda.

Cómpre lembrar que estes créditos van dirixidos a particulares e comunidades de propietarios que buscan financiamento para executar obras de rehabilitación en edificios e vivendas (adecuación estrutural e construtiva, mellora das condicións de habitabilidade e da eficiencia enerxética, adecuación á normativa sobre accesibilidade e cuestións de acabado xeral) e son concedidos por entidades financeiras que teñen un convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo para ofrecer aos solicitantes unha serie de condicións vantaxosas.

Así, os préstamos poden formalizarse con garantía hipotecaria (avalada por un ben) ou persoal, e están totalmente exentos de comisións. Ademais, os intereses ofrecidos polas entidades bancarias son mellores que os que se atopan actualmente no mercado, con tipos que poden ser fixos ou variables, tal e como se indica no seguinte cadro:

 
Garantía
Tipo fixo
Tipo variable
Inicial
(24 meses)
Resto

Persoa física

Hipotecaria
1,90
1,75

Euribor a 1 ano + 1,25

Persoa física

Persoal
5,25
5,25

Euribor a 1 ano + 4

Comunidade de propietarios

Persoal
5,00
-

Euribor + 4%

Así mesmo, a concesión do préstamo por parte das entidades poderá ir acompañada dunha axuda da Xunta consistente na subsidiación dos xuros correspondentes, sempre que o solicitante cumpra certos requisitos. Así, estas axudas van dirixidas exclusivamente a persoas físicas, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, e sempre que os seus ingresos non superen en 5,5 veces o Indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

A porcentaxe da subsidiación dos xuros e a súa duración poderá chegar ata o 100% durante un máximo de catro anos, pero dependerá de cada beneficiario. Deste xeito, cando os ingresos da unidade de convivencia do solicitante sexan menores ou iguales a 4 veces o IPREM, a Xunta asumirá o 100% dos xuros por 48 meses; mentres que se son maiores de 4 e menores de 5,5 veces o IPREM, cubrirá o 80% dos xuros durante 36 meses.

As comunidades de propietarios tamén poderán acceder aos préstamos cualificados, pero non ás axudas para pagar os xuros. Igualmente poderán acollerse ao programa, a título individual, as persoas que formen parte destas comunidades e participen nas actuacións.

Entidades financeiras colaboradoras e requisitos
Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank e Banco Sabadell son as entidades que ofrecen actualmente este tipo de créditos para as persoas físicas, mentres que Abanca, Caixa Rural Galega e Deustche Bank manteñen un convenio co IGVS para os préstamos a comunidades. A concesión, en todo caso, estará suxeita á avaliación dos riscos por parte das entidades financeiras. Ademais, para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia do solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o IPREM.

En canto ao prazo de amortización, no caso de propietarios particulares poderá establecerse entre seis meses e 15 anos. Cando os préstamos os soliciten directamente comunidades veciñais, o prazo de amortización quedará establecido nun máximo de 10 anos.

No caso dos préstamos concedidos con garantía hipotecaria, o importe límite será de 60.000 euros, mentres que para os que se outorguen con garantía persoal, a contía máxima quedará establecida en 30.000 euros.

Cando a solicitude parta directamente dunha comunidade de propietarios, a contía total concedida polo banco non poderá exceder do menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible (é dicir, a suma de todas as actuacións que se poden financiar co préstamo) ou ben 10.000 euros por cada vivenda integrante da devandita comunidade.

Cómpre lembrar que nas convocatorias deste programa dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 concedéronse 119 préstamos subsidiados en total. Tendo en conta a partida dispoñible para a convocatoria deste ano e facendo unha estimación aproximada, calcúlase que en 2021 poderían chegar a concederse ata 90 axudas a outros tantos beneficiarios do programa.

Imaxes relacionadas