A Xunta cede á Federación de Veciños de Lugo 230 exemplares de árbores autóctonas para plantar en oito concellos da provincia

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que proceden do viveiro de Sambreixo (Guitiriz) e serán distribuídos entre 20 agrupacións veciñais lucenses

A Consellería do Medio Rural colabora cada ano coa federación para promover plantacións con motivo do Día Forestal Mundial
 

Guitiriz (Lugo), 18 de marzo de 2021

A Consellería do Medio Rural cedeu á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo 232 exemplares de especies arbóreas autóctonas que serán distribuídas pola entidade entre 20 asociacións de oito concellos da provincia que solicitaron árbores para plantar.

A recollida tivo lugar hoxe no viveiro que ten a Xunta en Sambreixo (Guitiriz), de onde proceden os exemplares. O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que en total repartíronse 125 cerdeiras, 35 pradairos, 30 freixos, 25 cancereixos, 15 faias e dous bidueiros. Ao acto asistiu tamén a xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias, e representantes da directiva da federación, entre eles o seu presidente, Jesús Vázquez.

As árbores serán entregadas a 11 agrupacións de Lugo, tres de Begonte e o resto do Corgo, Baralla, Ribeira de Piquín, O Incio, Cospeito e Sarria para que as planten nos seus respectivos municipios.

Arias lembrou que a Xunta e a federación lucense colaboran cada ano con motivo do Día Forestal Mundial, que se celebra o 21 de marzo, para promover plantacións nos distintos concellos. “É un acerto que as asociacións veciñais se impliquen na celebración desta data, que serve para reflexionar sobre a importancia que os recursos forestais teñen para a nosa provincia, tanto desde o punto de vista económico como medioambiental”.

Nese sentido, o delegado salientou que a xestión da Administración autonómica aposta “por un monte multifuncional, sostible e rendible economicamente” e por “avanzar significativamente no incremento da superficie ordenada e certificada”.

Así, lembrou que a Xunta vén de conceder axudas por valor de 4,5 millóns de euros a 677 beneficiarios de toda Galicia para elaborar instrumentos de ordenación forestal en case 200.000 hectáreas de monte ao longo do presente ano 2021. Da provincia de Lugo son 199 dos beneficiarios e a superficie a ordenar é de 66.854 hectáreas. Nesa mesma liña, tamén destacou que a Consellería do Medio Rural convocou neste primeiro trimestre do ano catro programas de axudas para a creación e mellora de superficies forestais, que suman un orzamento de 26,3 millóns de euros destinados a incentivar aos propietarios das terras para que acometan labores preventivos de incendios e que posibiliten o aproveitamento forestal durante os exercicios 2021 e 2022.
 

Imaxes relacionadas