A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausura a xornada de conmemoración desta normativa

Ángeles Vázquez: “Case a metade dos concellos galegos teñen plan urbanístico ou están a punto de acadalo”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca a madurez da Comunidade nesta materia, pois en 2009 só contaba con 33 concellos adaptados á normativa vixente

Recorda o esforzo do Goberno galego que desde o ano 2009 investiu 20 millóns de euros, dos cales 2,3 millóns de euros son para o presente exercicio

A Coruña, 17 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que case a metade dos concellos galegos xa teñen un plan de ordenación urbanístico adaptado á normativa vixente ou están a piques de acadalo.

Así o puxo de manifesto esta mañá durante a clausura da xornada Urbanismo responsable. Cinco anos da Lei do solo, onde reiterou que son 151 as entidades locais, un de cada dous concellos, os que contan cunha ferramenta de ordenación adaptada á lei vixente.

Detallou que son 108 os municipios que dispoñen dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) adaptado á Lei e outros 25 atópanse coa tramitación moi avanzada, pois xa contan coa memoria ambiental, o último trámite no que intervén a Xunta de Galicia antes da aprobación definitiva. Esta lista péchase cos 18 concellos que traballan no seu Plan Básico Municipal (PBM), un instrumento que dota aos concellos de menos de 5.000 habitantes dunha ordenación urbanística básica.

A conselleira destacou que as cifras actuais de planeamento son unha mostra que de ao longo destes anos o Goberno galego estivo ao lado dos concellos para dotalos dun instrumento de ordenación que faga posible o seu crecemento ordenado. Ao mesmo tempo, é un sinal de madurez da sociedade galega, pois se no 2009 eran 33 os concellos que contaban cun planeamento acorde á lei, hoxe xa son 151; ou o que é o mesmo, no ano 2009 había 77 concellos sen ningún planeamento, mentres que hoxe son 19.

Vázquez Mejuto salientou que parte deste éxito débese á Lei do solo, unha normativa máis clara, máis obxectiva, con maior seguridade xurídica e cunha maior aplicabilidade práctica, adaptada á nova realidade social de Galicia e ás necesidades dos seus habitantes.

Asemade, defendeu o traballo realizado desde a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo -representada pola directora xeral, Encarnación Rivas, e encargada de inaugurar esta xornada- en colaboración co sector para encaixar as ideas e desexos de desenvolvemento coa normativa e a ordenación territorial responsable.

Na xornada de conmemoración da entrada en vigor da Lei do solo tamén participaron a alcaldesa de Marín, María Ramallo, o avogado de Estudo Xurídico Ejaso ETL Global e ex xerente de departamentos públicos de urbanismo e vivenda de grandes cidades, como A Coruña, Santiago e Vigo, Alfredo Cerezales Fernández, e o urbanista e socio fundador de Oficina de Planeamento SA, Ánxel Viña Carregal, para representar aos distintos elos que interveñen na redacción dun plan xeral.

Por último, a conselleira indicou que un concello sen PXOM é un concello sen vida económica en canto a termos urbanísticos e construtivos; pero sobre todo, é un concello sen seguridade xurídica para os seus veciños. Para superar este chanzo, a Xunta destinou 20 millóns de euros desde o ano 2009 para apoiar aos concellos na redacción de planeamento municipal, dos cales 2,3 millóns corresponden aos reservados para este ano 2021.

Imaxes relacionadas