A Xunta remítelle aos concellos de Vilanova, Ribadumia e Cambados o proxecto de mellora do bombeo e o colector de Cabanelas para dar solución aos problemas de saneamento

O proxecto, redactado por Augas de Galicia, prevé un investimento de máis dun millón de euros e establece un prazo de execución de 6 meses

A intervención ten como fin solucionar as deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas

Trátase da modificación do trazado da impulsión do bombeo de Cabanelas para que verta á nova depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes

Tamén se prevén reparar os tramos da rede de colectores nos que se detecten infiltracións, así como os pozos de rexistro que presenten carencias

A Xunta presta apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficaz as súas competencias de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiulle hoxe aos Concellos de Vilanova de Arousa, de Ribadumia e de Cambados o proxecto de mellora do bombeo e o colector de Cabanelas para reforzar o sistema de saneamento nesta área.

Este proxecto, redactado por Augas de Galicia, prevé un investimento de máis dun millón de euros e establece un prazo de execución de 6 meses.

A intervención proposta ten como obxectivo solucionar as deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas.

Esta infraestrutura recibe caudal de varias parroquias de Vilanova de Arousa, Cambados e Ribadumia, así como dos polígonos industriais de Tremoedo, de Sete Pías e de Cabanelas.

A rede de colectores que remata neste bombeo é unitaria, o que orixina vertidos de augas residuais sen depurar a través do punto de alivio do bombeo, ao superarse a súa capacidade máxima de impulsión (50 l/s) cando se rexistran precipitacións.

Para resolver esta problemática, o proxecto hoxe remitido aos municipios prevé a modificación do trazado da impulsión do bombeo de Cabanelas para que verta directamente á nova depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes.

Para isto, será necesario efectuar modificacións nos bombeos de Cabanelas e Barrantes para adaptalos á nova situación e aos caudais de bombeo.

Na rede de saneamento instalaranse 1.780 metros de impulsión, así como elementos complementarios como ventosas ou desaugues.

No bombeo de Cabanelas substituiranse as tres bombas para adaptarse ao novo caudal de deseño 56,4 l/s e tamén se renovará o cadro eléctrico por estar obsoleto.

Unha vez executadas as citadas actuacións en Cabanelas será preciso adaptar o bombeo de Barrantes ao seu novo caudal de funcionamento, xa que vai deixar de recibir o caudal que impulsa actualmente o sistema de Cabanelas cara a el.

Con estas adaptacións e funcionando as dúas tubaxes de impulsión obterase un caudal máximo impulsado de 136,4 l/ fronte aos actuais 125 l/s.

O proxecto tamén inclúe a reparación daqueles tramos da rede de colectores nos que se detecten infiltracións. Ademais rehabilitaranse os pozos de rexistro que presenten carencias mediante a súa limpeza e a aplicación de ponte de unión e morteiro de alta resistencia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para axudalos a desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.