A Xunta xa é propietaria dos terreos nos que se instalará a nova planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa

O presidente de Sogama formalizou esta mañá a compra de sete parcelas que suman 20.000 m2 no polígono de Baión por un importe de máis de 1,5 M€

Este é outro avance cara a construción destas novas instalacións, cuxa redacción de proxecto se acaba de adxudicar por case 115.000 euros

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ratificou esta mañá a compra que a acredita como propietaria dos terreos do polígono de Baión, en Vilanova de Arousa, en los que se instalará a nova planta de biorresiduos.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA) formalizaron esta mañá a compra de sete parcelas que suman 20.000 m2, por un importe de 1.545.332 euros. Nos terreos adquiridos instalaranse dúas naves cerradas e impermeabilizadas, nas que se levará a cabo o tratamento dos residuos orgánicos que se reciban, grazas ás últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

A planta de Vilanova dará servizo a aproximadamente 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, ao ter unha capacidade de tratamento de ata 15.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, acadarase unha produción de 6.000 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

Este é un novo avance na materialización desta planta, despois de que o pasado 11 de marzo se asinara o contrato de adxudicación para a redacción do proxecto básico de construción, por un importe de 114.950 euros.

En total, o investimento previsto pola Consellería na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Baión ascenderá a 15,5 millóns de euros.

A de Vilanova é unha das tres plantas -xunto con Cervo e Verín- que constrúe a Xunta, polo que, ao sumar a que Sogama ten en Cerceda e as públicas e privadas actuais e futuras de compostaxe industrial, Galicia contará cunha rede de instalacións coas que dar servizo a toda a Comunidade galega.

Imaxes relacionadas