A Xunta trasládalle ao Goberno central o seu informe xurídico sobre a Lei de cambio climático, que conclúe que o artigo 18.4 é “frontalmente inconstitucional”

A Asesoría Xurídica Xeral da Xunta determina que este apartado da norma e o 18.3 son “contrarios á seguridade xurídica”

Xunto co informe, as conselleiras de Medio Ambiente e do Mar enviaron unha carta á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica, na que reiteran a súa preocupación polas repercusións negativas da lei no litoral galego
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia acaba de trasladarlle ao Goberno central o informe, elaborado pola Asesoría Xurídica Xeral, sobre a Lei de cambio climático, que conclúe que o artigo 18.4 é “frontalmente inconstitucional”, ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son “contrarios á seguridade xurídica”.

O informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta foi enviado esta mañá polas conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, xunto con unha carta, na que lle reiteran á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que de non proceder á retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do proxecto de lei, a súa redacción afectará á seguridade xurídica do tecido que se atopa no dominio público marítimo terrestre.

“Unha vez máis queremos trasladarlle a nosa preocupación pola inclusión do artigo 18 na Lei de cambio climático. Preocúpanos, especialmente, a redacción dos apartados 3 e 4 e as súas repercusións negativas no litoral galego, onde se realizan actividades respectuosas co medio ambiente que constitúen o modo de vida de miles de familias galegas”, comeza a misiva.

As representantes autonómicas sinalan que o Estado central non cesa no seu obxectivo e pretende agora coa inclusión dos artigos 18.3 e 18.4 na Lei de cambio climático establecer un novo precepto regulador dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre.

Tal e como explican, a redacción proposta polo Ministerio do artigo 18.4 só podería aplicarse ás concesións anteriores á Lei 2/2013, xa que o artigo 66 da Lei de costas regularía ás que se concederon despois desa data e polo tanto a duración, de concesión e prórroga, non poderá superar os 75 anos.

Indican ademais que é contrario ao artigo 33.3 da Constitución e que afectaría aos dereitos integrados dos afectados, pois veríanse privados anticipadamente dunha concesión adquirida sen a correspondente indemnización.

Modificación de dúas normas

Por outra banda, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana lembran que esta non é a primeira vez que se lle traslada ao Ministerio as repercusións negativas sobre a regulación dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre.

Nesta liña, abundan que a Xunta se mostrou contraria á modificación urxente do regulamento da Lei de costas, coa que se pretendía limitar a duración da prórroga extraordinaria das concesións no DPMT, fixando a vixencia da concesión en 75 anos a contabilizar dende o momento da concesión inicial.

Tal e como se argumentou no seu momento, o único que fundamentaba esa regulación era un informe xurídico que non tiña en conta a sentenza do Tribunal Constitucional do ano 2015, na que se indicaba que non se podía negar ao lexislador de Costas a súa marxe de configuración da duración da prórroga extraordinaria e que non se estaba a realizar unha transcrición correcta do Ditame do Consello do Estado sobre o regulamento.

As devanditas consideracións foron aceptadas por parte do Ministerio, que suspendeu a tramitación da modificación regulamentaria, evitando deste modo cambios nos títulos de ocupación.

“Desde a Xunta de Galicia solicitamos a retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do proxecto de Lei de cambio climático, xa que coa súa actual redacción afectará á seguridade xurídica de todas as industrias situadas na costa galega. E poderá chegar a supoñer a perda de 37.000 postos de traballo e de 10.000 millóns de euros”, conclúen as conselleiras.