A Xunta destina este ano 4,8 M€ ao funcionamento dos GES, máis da metade do seu custo anual

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González; asinaron co presidente da FEGAMP e as deputacións provincias a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais

Alfonso Rueda destacou a necesidade da colaboración entre as administracións no ámbito das emerxencias para ofrecer unha mellor atención aos cidadáns

José González enmarcou a sinatura desta addenda no ámbito da prevención, un dos eixos prioritarios do seu departamento
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; e o conselleiro do Medio Rural, José González, asinaron hoxe cos concellos e as deputacións provinciais a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). No acto participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e José Tomé respectivamente. Tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

A addenda a este convenio supón un incremento por parte da Xunta no financiamento destes grupos en case 300.000 euros, de forma que o investimento anual do Goberno galego nestes servizos acadará os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual.

Este aumento obedece á incorporación de novos GES tras o acordo o pasado novembro entre a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos a través da Fegamp para dar unha atención eficaz aos cidadáns ante calquera emerxencia.

Así, a comunidade galega contará con 5 novos GES: 2 na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e 3 na de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios. A eles súmase o servizo supramunicipal no concello coruñés de Noia. Cos novos servizos, o mapa de emerxencias de Galicia contará con 29 GES e 4 servizos municipais que cubrirán 190 concellos.

A addenda tamén establece un novo emprazamento, en Friol ao GES que daba cobertura a zona sur da Terra Cha Lugo e que agora atenderá aos concellos de Begonte, Friol, Guitiriz, Palas de Rei e Outeiro de Rei.

O investimento total dos GES desde a súa creación supera os 48 millóns de euros para o seu funcionamento, así como na formación dos seus efectivos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e na dotación de material. De feito, en canto ao apoio en equipamento, a Xunta leva máis de 8 millóns de material cedido, incluíndo as entregas previstas para este ano cun orzamento de 3,1 millóns de euros.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que os novos grupos permitirán reducir os tempos de resposta nos casos de situacións de emerxencia, polo que apelou a seguir colaborando cos concellos e deputacións provinciais neste ámbito para ofrecer unha mellor atención e continuar a completar o mapa de emerxencias que abarca o territorio galego.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, enmarcou a sinatura desta addenda nun dos eixes primordiais do seu departamento -o da prevención- e referiuse aos GES como outra das pezas da engrenaxe de profesionais encargados da protección de incendios e a súa contribución á protección do monte, dos bens non forestais e das persoas.

Ademais, esta mesma mañá foron entregadas 11 motobombas a distintos distritos co obxectivo de poñer a disposición dos efectivos antiincendios os medios materiais precisos para facer fronte aos lumes forestais. A Xunta está a levar a cabo distintas actuacións para incrementar o valor dos montes como o Plan de pastos, o Plan estratéxico do castiñeiro ou as diferentes iniciativas de mobilización de terras que se incrementarán coa futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.