A Xunta adxudica a redacción do proxecto para continuar as beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza, no concello de Bueu

O contrato, adxudicado por un importe de máis de 18.000 euros, consta de 6 meses de prazo para redactar o proxecto

Trátase de executar unha beirarrúa na marxe da estrada PO-315, entre as localidades de Beluso e A Achadiza, para unir os treitos de beirarrúas xa existentes

Tamén se estudará a posibilidade de incluír a mellora da parada de autobús prevista no punto quilométrico 2+500

Esta obra dálle continuidade ao treito de beirarrúas executado pola Xunta en 2018 na marxe esquerda da estrada PO-315 entre os puntos quilométricos 2+755 e 3+030

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción de proxecto para continuar as beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza, no concello de Bueu.

O contrato foi adxudicado ao consultor TECYP Ingeniería S.L. por un importe de máis de 18.000 euros. O adxudicatario conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto.

O obxectivo da actuación é a execución dunha beirarrúa na marxe da estrada PO-315, no tramo comprendido entre as localidades de Beluso e A Achadiza, unindo así os treitos de beirarrúas xa existentes.

A intervención desenvolverase entre os puntos quilométricos 2+100 e 2+750 da vía autonómica.

No marco da redacción do proxecto, tamén se estudará a posibilidade de incluír a mellora da parada de autobús prevista no punto quilométrico 2+500.

Esta actuación suporá darlle continuidade ao treito de beirarrúas executado pola Xunta en 2018 na marxe esquerda da estrada PO-315 entre os puntos quilométricos 2+755 e 3+030, conectando coa rúa Nova de Arriba, que sería a que agora se conectaría con Beluso.

O Goberno galego continúa traballando pola mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e facilitar, neste caso, os desprazamentos a pé dos cidadáns.