A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o delegado da Xunta na Coruña supervisaron hoxe os traballos que permitirán máis que duplicar a capacidade de tratamento da estación de auga potable do Couto

Ethel Vázquez avanza que neste ano os veciños de Betanzos verán garantido o abastecemento de auga grazas a un investimento de 1,3 M€ na mellora da potabilizadora

Vázquez Mourelle pon en valor o investimento e o apoio técnico e financeiro da Xunta ao Concello para que poida cumprir mellor coa súa responsabilidade municipal de abastecer auga en cantidade e calidade suficiente á poboación

A actuación en execución, que conta cun prazo de 9 meses, permitirá a ampliación da planta que capta a auga do río Mendo e doutros mananciais, a optimización dos sistemas de tratamento e a modernización da súa xestión

Os traballos desenvolveranse de maneira que se garanta, en todo momento, o funcionamento da potabilizadora

Esta intervención permitirá acadar a estación de tratamento de auga potable de Betanzos unha capacidade máxima de 120 litros/segundo e dará servizo a unha poboación de 15.600 habitantes previstos para o ano horizonte de 2043

Betanzos (A Coruña), 16 de marzo de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que neste ano os veciños de Betanzos verán mellorada a potabilizadora municipal e garantido o abastecemento de auga, logo dun investimento de 1,3 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe as obras, iniciadas por Augas e Galicia a mediados de febreiro para optimizar o funcionamento da estación de tratamento de auga potable do Couto.

Concretou que os traballos que se están a acometer consisten na mellora da planta potabilizadora, que capta a auga do río Mendo e doutros mananciais, e que está a operar ao límite da súa capacidade. Coas obras solucionaranse as deficiencias de funcionamento que causan episodios de turbiez reiterados, xerando molestias e preocupacións aos cidadáns do municipio, engadiu.

Ethel Vázquez salientou que as obras permitirán máis que duplicar a capacidade de tratamento da planta de auga potable, garantindo o seu abastecemento en cantidade e calidade, e reducindo así o risco de desabastecemento.

Segundo dixo, con esta actuación, a Xunta achega apoio técnico e financeiro ao Concello de Betanzos para que poida cumprir mellor coa súa responsabilidade municipal de abastecer auga en cantidade e calidade suficiente aos veciños.

A conselleira explicou que a mellora do sistema de abastecemento de Betanzos, está financiada maioritariamente pola Xunta e conta cunha achega do Concello de 205.000 euros. As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

Os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses e, segundo dixo a conselleira, o obxectivo da Xunta é ter este mesmo ano rematada a actuación, coa ampliación da capacidade da potabilizadora, a mellora dos sistemas de tratamento e a modernización da súa xestión.

O detalle da actuación

Ethel Vázquez detallou os traballos a desenvolver, comezando polos que xa se están a realizar, de ampliación da capacidade de produción da potabilizadora municipal. Tamén se vai mellorar os sistemas de tratamento, incorporando un pretratamento físico e químico na cabeceira da liña de auga, aproveitando as dúas liñas de filtración actuais.

A actuación inclúe, ademais, a modernización e automatización da xestión da planta e a urbanización da parcela onde están as instalacións.

A este respecto, Vázquez Mourelle concretou que para acometer a ampliación é preciso levar a cabo unha serie de traballos de obra civil, estruturados en 2 niveis. Nun deses niveis situarase o edificio do tratamento físico-químico e, xunto a este, o de reactivos, tratamento de lodos e espesador estático. E, noutro nivel, construirase o edificio que albergará o sistema de bombas: o bombeo de auga clarificada, os grupos de filtración e bombeos de fangos, incluíndo tamén o depósito de auga clarificada.

Tal é como subliñou a conselleira, os traballos deben desenvolverse de maneira que se garanta, en todo momento, o funcionamento da potabilizadora.

Para iso prevense dúas conexións reversibles: impulsión da auga bruta á cabeceira do novo pretratamento ou mantemento da impulsión da auga bruta á liña de filtración en uso; e alimentación da liña de filtración en uso desde o novo depósito de auga clarificada, ou mantemento da alimentación de auga bruta.

Ethel Vázquez apuntou que con estas actuacións, a estación de tratamento de auga potable de Betanzos acadará unha capacidade máxima de 120 litros/segundo e dará servizo a unha poboación de 15.600 habitantes previstos para o ano horizonte de 2043.

Imaxes relacionadas