Luis López reúnese co alcalde de Moraña para abordar os novos investimentos da Xunta, que inclúen a redacción do proxecto de mellora das beirarrúas da Rúa-3

O delegado territorial, Luis López, recolle as demandas do rexedor, José Cela, que tamén pretende a renovación do firme nun treito da estrada autonómica PO-221

O representante autonómico tamén xestionará a adecuación da zona deportiva como praza e a creación dunha senda entre este espazo e o lugar de Cortiñas

Moraña (Pontevedra),16, de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, vén de manter unha reunión de traballo co alcalde de Moraña, José Cela, na que se abordaron os novos investimentos do Goberno galego para o municipio tras a concesión de dous obradoiros de emprego, de 75.000 euros para camiños rurais a través dos plans Marco e PIR ou da próxima remodelación integral do campo de fútbol de Mirallos, entre outras actuacións.

Así, o representante autonómico informoulle ao rexedor de que a Consellería de Infraestruturas vai comezar coa redacción do proxecto para o acondicionamento, mellora e ampliación das beirarrúas da rúa-3, xa que o Concello está moi interesado nesta obra para continuar coa humanización do núcleo urbano de Santa Lucía. Tamén se abordou, a petición do alcalde, a posibilidade de acometer a renovación do firme nun treito que se atopa deteriorado na estrada autonómica PO-221.

Polo demais, o delegado territorial tamén recolleu unha solicitude, que xestionará no seo do goberno autonómico, para acometer a adecuación e mellora da zona deportiva, en concreto a contorna entre o pavillón, a pista multideporte e o circuíto pump-track, para a súa conversión nunha praza que integre todos estes espazos. Paralelamente, proxéctase que, dende esta zona, saia unha nova senda peonil cara o lugar de Cortiñas.

Tras o encontro, Luis López valorou moi positivamente este contacto, celebrado no edificio administrativo de Campolongo, e ofreceu a máxima colaboración e disposición da Xunta “a seguir apoiando e investindo no Concello de Moraña, dándolle continuidade á liña de entendemento institucional mantida ata a data e que repercute moi positivamente na calidade de vida dos veciños e os servizos públicos”.

Imaxes relacionadas