A Xunta respalda os programas da Asociación de Viúvas María Andrea de Ourense, que brindan apoio psicosocial e laboral a mulleres vulnerables

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe en Ourense coa Asociación de Viúvas María Andrea

Desde 2016, a Xunta outorgou a esta asociación apoios por valor de case 70.000 euros e colabora co programa ‘Apoiando na Soidade’ desta entidade co que se cubren necesidades psicosociais e de empregabilidade das súas usuarias

Ourense, 16 de marzo de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe en Ourense coa presidenta da Asociación de Viúvas María Andrea, María Elena Paz. A entidade desenvolve co apoio da Xunta desde hai cinco anos o programa Apoiando na Soidade dirixido a mulleres maiores ou viúvas con escasos recursos e/ou problemas de saúde ou cargas familiares non compartidas.

López Abella puxo en valor este programa da asociación ourensá que brinda atención social, laboral e apoio en xeral a mulleres en risco de exclusión social, en especial as de maior idade, viúvas con escasos recursos, con problemas de saúde e/ou con responsabilidades familiares non compartidas.

Tal e como subliñou, resulta fundamental brindar a este grupo de mulleres orientación e atención psicosocial para asegurar a súa integracións social e, no caso das máis novas, acompañalas mediante a orientación laboral e outras actuación que favorezan a súa empregabilidade.

No caso das mulleres maiores, promocionar a autonomía das que viven soas resulta fundamental, a xuízo de López Abella, para previr perdas de funcións psicomotrices ou cerebrais e prestar o apoio necesario en situacións de dependencia. Non menos importante é para a secretaria xeral, o apoio emocional e de socialización que precisan as mulleres en especial risco de exclusión.

O programa recibiu en 2020 11.400 euros (55.000 desde 2016) de apoio da Xunta, o que permitiu chegar a 28 mulleres, 15 delas mediante atención continuada no tempo.

A Asociación Viúvas María Andrea resultou beneficiaria tamén desde 2016 cerca de 14.000 euros da liña destinada ao fomento do asociacionismo e a participación das mulleres. Estas axudas teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.

A Xunta considera necesario contribuír a dinamizar as asociacións de mulleres para potenciar a súa capacidade de chegar ás mulleres da súa contorna como elemento clave para avanzar na igualdade real e efectiva.

Imaxes relacionadas