A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou na reunión realizada por videoconferencia deste órgano asesor
O Comité Asesor Sociosanitario completará neste semestre un diagnóstico das residencias de maiores
Ramificará a súa reflexión en tres grupos de traballo: un centrado na coordinación sociosanitaria, outro na aposta da tecnoloxía e un terceiro en reformas estruturais
A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que o Comité Asesor Sociosanitario completará neste semestre un diagnóstico das residencias de maiores “para identificar as fraquezas, as fortalezas e as propostas de mellora que permitan avanzar cara un novo modelo”. Así o manifestou durante un novo encontro do órgano asesor celebrado hoxe por videoconferencia.
Fabiola García concretou que esta complexa reestruturación do sistema será un dos grandes retos desta lexislatura e centrarase en tres aspectos fundamentais: a mellora da coordinación sociosanitaria, a posta da tecnoloxía ao servizo da atención ás persoas maiores e as reformas estruturais necesarias para optimizar a atención nos centros.
Por este motivo, o Comité pasará a ramificar a súa reflexión a partir de agora en tres grupos de traballo, cada un deles centrado nun destes tres ámbitos. Un traballo para o que, apuntou a conselleira, “será fundamental apoiarse nas leccións aprendidas durante esta pandemia” na que se puxeron en evidencia algunhas vías de mellora.