A Xunta impulsa a cooperación transfronteiriza en sectores clave para Galicia e Portugal: téxtil, industria 4.0, automóbil e agricultura

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe unha xornada sobre o proxecto europeo liderado pola Xunta sobre ‘Xeración de emprego de calidade transfronteirizo’ (Gemcat)

Lorenzana destacou a importancia do Diálogo Social entre España e Portugal para acadar un mercado laboral harmónico e mellorar as condicións dos traballadores que se moven entre os dous territorios

Galicia conta con ampla tradición no Diálogo Social que permitiu firmar acordos en materia de igualdade de oportunidades, contratación responsable e modernización das relacións laborais

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela unha xornada sobre o proxecto europeo Xeración de emprego de calidade transfronteirizo (Gemcat) -liderado pola Xunta e no que participan institucións españolas e portuguesas- co convencemento de que o Diálogo Social transfronteirizo mellorará as condicións das persoas traballadoras en sectores clave para Galicia e Portugal.

Lorenzana destacou a oportunidade que foros como o de hoxe brindan para poñer en o valor o Diálogo Social, cuxa principal virtude, indicou, reside “no seu carácter tripartito, que representa a toda a sociedade e as súas distintas inquietudes”. Sen a concorrencia das tres partes que o conforman -administracións, organizacións empresariais e organizacións sindicais- o seu obxectivo de “acadar un consenso sobre a acción socio-política e económica dos gobernos, así como o fortalecemento institucional dos executivos e dos actores sociais” non sería factible, aseverou.

O proxecto Gemcat nacido en 2014 -no que ademais da Xunta, están implicadas a Junta de Castilla y León, a Junta de Extremadura, a Comunidade Intermunicipal Alto Minho, a Cámara Municipal de Braga e a Universidade de Porto- naceu co obxectivo de lograr un mercado laboral harmónico, cun crecemento intelixente, sostible e integrador, que preste especial atención á creación de emprego e á redución da pobreza. Para acadalo, desde a Xunta promoveuse a cooperación institucional para aproximar as políticas nacionais e fomentar a participación entre institucións, autoridades locais e autonómicas e interlocutores sociais.

O programa reúne a socios españois e portugueses na consecución, entre outros fins, dun marco de cooperación institucional para o mercado laboral transfronteirizo entre España e o norte de Portugal, que busca consolidar o Diálogo Social nas rexións deste espazo e a posta en valor de medidas a prol da igualdade de oportunidades, a conciliación e a responsabilidade social empresarial.

No marco do programa Gemcat se abriron catro procesos de Diálogo Social transfronteirizo en sectores clave para as rexións participantes como o téxtil, industria 4.0, automoción e agricultura, dando cabida, ademais dos axentes clave, a centrais sindicais e organizacións empresariais, á inspección de traballo, á Rede Eures de cooperación europea, a municipios e universidades.

Tal e como declarou a conselleira de Emprego e Igualdade, “o ámbito transfronteirizo é de suma relevancia para conseguir un emprego de calidade e actuar con este enfoque vai permitir mellorar as condicións laborais dos traballadores transfronteirizos, á vez que se impulsan as complementariedades dos sectores comúns entre España e Portugal”.

Tradición co Diálogo Social

Galicia conta cunha longa tradición de Diálogo Social con resultados que se materializaron en acordos como os asinados en decembro do ano 2019 para avanzar cara unha Galicia máis igualitaria. Ese consenso foi resultado do proceso de concertación social desenvolvido entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, UXT-Galicia e CCOO de Galicia. Os seus obxectivos seguen sendo favorecer a creación de emprego de calidade en condicións iguais para toda a cidadanía e incrementar a competitividade do tecido produtivo galego.

Lexitimada pola participación e acordo dos axentes que interveñen no proceso, Galicia ten acadado pactos en ámbitos como a igualdade de oportunidades, a contratación pública responsable, a transformación tecnolóxica industrial, as políticas activas de emprego ou a modernización das relacións laborais, onde se ampliou o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA) ao ámbito dos conflitos individuais.

Imaxes relacionadas