Medio Ambiente somete a información pública por un prazo de dous meses o Plan Básico Municipal do concello de San Xoán de Río

A partir de hoxe, todas as persoas ou entidades interesadas poderán presentar as súas achegas ao documento, aprobado inicialmente o pasado 3 de marzo

É o municipio ourensán que máis avanzada ten a tramitación deste instrumento

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someterá a información pública desde hoxe o Plan Básico Municipal (PBM) do concello ourensán de San Xoán de Río, un instrumento de ordenación recollido na Lei do solo e que foi aprobado inicialmente o 3 de marzo. O prazo para que os interesados poidan coñecer o documento e presentar as súas achegas abriuse hoxe e prolongarase durante dous meses, segundo consta no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido período, poderá examinarse o documento en horario de oficina, sempre con cita previa, e presentar alegacións nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense ou no propio Concello. Así mesmo, tamén poderá consultarse o documento na páxina web da Consellería e achegarse por vía telemática as referidas achegas a través do correo sxurb@xunta.gal.

Cómpre lembrar que segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, os plans básicos municipais son instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento xeral de planificación.

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara e motivara a estes concellos a dotarse do seu propio PBM, a Xunta asumiu a redacción do primeiro Plan Básico Municipal, o do Concello do Páramo; ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito municipios, que xa teñen moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela e San Xoán de Río).

Deste primeiro grupo de entidades locais, San Xoán de Río foi o terceiro en obter a orde de aprobación inicial por parte da Xunta (tras O Páramo e Triacastela) e o primeiro en acadala na provincia de Ourense, dando así un paso importante de cara a dotarse dun marco urbanístico propio no que se delimitan un total de 49 núcleos rurais e se recollen todas as dotacións existentes na actualidade neste municipio.

De igual xeito, cómpre lembrar que un segundo grupo de nove concellos (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) están xa a impulsar os primeiros traballos que implica a redacción dun PBM, concretamente, a obtención da súa cartografía, polo que se espera que en 2021 reciban un pulo importante.

Imaxes relacionadas