A Xunta publica no DOG a modificación do Decreto sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas para facilitar a inscrición das empresas no rexistro de operadoras

O Diario Oficial de Galicia tamén publica a orde pola que se establecen os formularios para os procedementos de inscrición no Rexistro

O novo regulamento substitúe a anterior solicitude por unha declaración responsable na que a empresa manifesta o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente para o exercicio da actividade

A declaración responsable permite a prestación dos servizos desde o mesmo día da presentación do documento, reunindo todos os requisitos previstos na norma

A inscrición no rexistro será indefinida, pero a empresa presentará no último mes de cada ano unha declaración responsable de que segue a cumprir co esixido

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a modificación do Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a orde pola que se establecen os formularios a empregar nos procedementos de inscrición e as súas modificacións no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa á modificación do Decreto: https://bit.ly/3ttAwgL. A partir deste enlace tamén se pode acceder aos novos formularios de inscrición, así como ás instrucións correspondentes: https://bit.ly/3eJPomM

O obxectivo da modificación do regulamento é reducir os prazos de tramitación e inscrición das empresas e dos seus servizos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

Neste sentido, substitúese a anterior solicitude por unha declaración responsable na que a empresa manifesta o cumprimento dos requisitos esixidos na normativa vixente para o exercicio da actividade, a disposición da documentación e a súa posta á disposición da Administración cando sexa requirida.

Esta declaración responsable permite a prestación dos servizos desde o mesmo día da presentación do documento, cumprindo todos os requisitos previstos na norma.

Isto permite a prestación do servizo desde o momento en que dispoña da autorización de atracada ou doutras precisas como a do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ou dos órganos xestores doutros espazos protexidos, sen ter que esperar a que se dite resolución.

Con esta modificación, a inscrición no rexistro terá carácter indefinido, pero a empresa operadora deberá presentar no último mes de cada ano unha declaración responsable de que segue a cumprir todos os requisitos esixidos para o exercicio da actividade.

A nova normativa tamén mellora o sistema de información aos usuarios acerca da prestación dos servizos. Así, as empresas deben publicar as modificacións e cancelacións de servizos nos portos de atracada e na súa páxina web, así como en medios de comunicación.

Esta puntualización optimiza a prestación dos servizos aos viaxeiros, pois ata agora as modificacións só debían ser anunciadas pola empresa nos locais de expedicións de billetes e nas embarcacións.