Luis López visita a zona do novo bombeo e colector de Cabanelas, no Concello de Ribadumia, para a mellora do saneamento global da ría de Arousa

O delegado territorial coñeceu a actual situación da rede, con certos vertidos, atendendo a petición realizada polo alcalde, David Castro

O representante autonómico está a xestionar a solicitude deste investimento, cifrado nun millón de euros, cursada polo rexedor e o Concello de Vilanova

A actuación dotaría de eficiencia ao sistema de tratamento de augas residuais dos máis de 29.000 veciños dos municipios de Ribadumia, Vilanova e Cambados

Ribadumia, 15 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía a zona proxectada para o novo bombeo e colector de Cabanelas, no Concello de Ribadumia, acompañado polo alcalde, David Castro, co obxectivo de coñecer con exactitude os problemas dos vertidos na zona e tentar adoptar unha solución aos mesmos no marco do Plan de Mellora do Saneamento da Ría de Arousa impulsado polo Goberno galego.

O representante autonómico, que se reuniu a semana pasada co rexedor e co seu homólogo de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para abordar esta demanda, aceptou a petición de David Castro para percorrer a zona e contemplar in situ o estado actual da rede de saneamento.

“Estamos a xestionar con Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a posibilidade de contar cun proxecto para a realización deste investimento, que estaría cifrado nun millón de euros e parte dunha solicitude cursada polos alcaldes de Ribadumia e Vilanova”, explicou Luis López, que engadiu que a actuación “podería encaixar no plan de saneamento da Xunta e complementar as actuacións nesta materia en Cambados e Vilanova, que xa contan con financiamento por importe de 5,5 millóns de euros”.

Neste senso, o delegado territorial revelou que as obras para o novo bombeo e colector de Cabanelas superarían lixeiramente o millón de euros e terían un prazo de execución “razoable”, cifrado nuns seis meses, aportando “unha solución de calado e unha mellora no sistema de saneamento dos máis de 29.000 veciños” destes tres concellos.

O proxecto consistiría en que as augas residuais domésticas e industriais que chegan a Cabanelas non pasen polo colector de Barrantes, grazas a un novo bombeo e canalizacións, e se deriven de xeito directo na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ribadumia, co que se evitarían o colapso do sistema, xa preto do seu límite de capacidade, os vertidos e os problemas, augas abaixo, nos outros dous municipios arousáns.

Imaxes relacionadas