A Policía Autonómica realizou case 70 inspeccións e tramitou 17 denuncias durante a fin de semana na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19

Os 34 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación do coronavirus, no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Catoira, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Pontevedra, Silleda, Valga, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa

Pontevedra, 15 de marzo de 2021

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada fin de semana un total de 34 dispositivos e 68 inspeccións na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes actuaron en 12 concellos da provincia na pasada fin de semana e tramitaron un total de 17 denuncias por outras tantas infraccións.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 12 e o 14 de marzo para controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Catoira, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Pontevedra, Silleda, Valga, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En canto á tipoloxía das denuncias cursas polo corpo autonómico, a meirande parte delas correspondéronse co incumprimento do uso obrigatorio da máscara, cun total de 11 infraccións, mentres que as restantes foron polo incumprimento do toque de queda (2), o exceso da capacidade permitida en establecementos (2), a superación do horario de peche (1) e a insuficiente distancia de seguridade entre mesas de terraza (1).

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 35 concellos, nos que que se rexistraron 93 operativos cun total de 243 inspeccións, con 137 persoas identificadas e 47 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración xeral entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias, e que está a intensificarse para o control das medidas fronte á covid-19.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais ou a prevención do botellón, entre outras tarefas.

Imaxes relacionadas