A Xunta colabora co Concello de Oza-Cesuras no acondicionamento e na mellora da accesibilidade do centro social de Lois

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións neste edificio financiadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público

Oza-Cesuras (A Coruña) 15 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as obras levadas a cabo o ano pasado no concello de Oza-Cesuras ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público para garantir a accesibilidade e acondicionar as instalacións do centro social de maiores, situado no lugar de Lois, na parroquia de Oza.

O municipio recibiu unha achega de máis de 33.800 euros para esta actuación no novo centro destinado a mellorar os seus servizos sociais do concello e a oferta de ocio para as persoas maiores. A Xunta colaborou na accesibilidade do local co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas ás persoas con discapacidade mediante a instalación dun ascensor, permitindo o uso deste servizo municipal a tódolos veciños. Ademais, contribuiu a mellorar o seu confort, a través da instalación do sistema de climatización e a habilitación dos aseos e espazos sanitarios precisos coa correspondente dotación da fontanería.

A Orde de infraestruturas de uso público coa que a Xunta financiou esta actuación conta para este exercicio cun orzamento de 4 millóns de euros, mantendo a contía de 2020, para crear e mellorar as instalacións e equipamentos dirixidos á prestación de servizos municipais. A Xunta publicou esta orde o pasado xaneiro, xunto coa liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, coa que tamén apoia os proxectos de recuperación ambiental das entidades locais e que está dotada con 11 millóns de euros.

Ao abeiro destas dúas ordes de axudas a Administración autonómica colaborou nos últimos anos co concello de Oza-Cesuras na mellora das infraestruturas municipais, a instalación e a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público, así como melloras na rede de saneamento ou de pluviais ou o financiamento do servizo municipal de protección do ambiente e do espazo natural.