No Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

A Xunta reforza os servizos en liña para afondar na interlocución cos consumidores e dar resposta aos novos retos neste ámbito

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou as novas funcionalidades da web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que o ano pasado visitaron máis de 200.000 persoas e que preto de 5.000 usuarios utilizaron para facer as súas reclamacións en liña

A páxina conta cunha nova aula virtual e unha ludoteca na que se poden descargar un cómic e un conto para achegar aos máis novos ao consumo responsable

A telefonía, a enerxía eléctrica e o ocio foron os sectores que máis reclamacións recibiron en 2020

O ano pasado o 68% dos laudos arbitrais foron favorables aos consumidores, e o 7% resolvéronse por conciliación entre as partes

No tocante ao control do mercado, realizáronse preto de 48.000 actuacións inspectoras, mentres que no Laboratorio de Consumo de Galicia se analizaron un total de 386 mostras

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, está a reforzar os seus servizos en liña para afondar na interlocución cos consumidores e poder dar resposta aos novos retos neste ámbito, tal e como informou hoxe o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, durante un acto con motivo da celebración do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras.

Entre as novas funcionalidades da web consumo.xunta.gal, que o ano pasado visitaron máis de 200.000 persoas, atópase unha nova aula virtual para a realización de cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Tamén conta cunha nova sección de ludoteca, na que desde hoxe se pode acceder a un conto sobre a seguridade nos xoguetes e a un cómic que achega consellos para comprar seguro a través de internet.

Tal e como explicou o director xeral de Comercio e Consumo, que estivo acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, María Jesús Muñoz, estes libros están a disposición dos centros educativos galegos, salientando que a colaboración cos mesmos é primordial para chegar á poboación máis nova. No acto celebrado hoxe participaron representantes do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, aos que se fixo entrega de exemplares destas novas publicacións.

Manuel Heredia sinalou así mesmo que o IGCC pon a disposición de todas as persoas consumidoras a través da web un asistente de reclamacións, que permite presentalas en liña sempre que se conte cun certificado dixital ou a chave365, e que tamén se pode utilizar para facer todos os pasos na web e despois imprimir a reclamación para presentala de xeito presencial en calquera rexistro público. En 2020, utilizaron este instrumento para facer as súas reclamacións preto de 5.000 persoas.

Tamén no ámbito on line, o organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha un novo plan de inspección de comercio electrónico para o 2021, que prevé 200 actuacións.

Balance 2020

Ademais de para presentar as novas actuacións, o acto celebrado hoxe serviu tamén para facer balance da actividade realizada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no 2020, marcado pola evolución da covid-19. Tal e como sinalou Manuel Heredia, o ano pasado o IGCC atendeu un total de 39.133 consultas e 16.443 reclamacións, máis de 45 ao día. Os sectores máis reclamados foron os de telefonía (29,1%), seguido de subministración de enerxía eléctrica (10%), turismo e ocio (7,3%), transportes (6,7%), saúde e estética (5,9%) e financeiro (5,8%).

Das reclamacións presentadas, ata a data foron resoltas xa o 45% de maneira favorable ao consumidor, un 15% resolvéronse a través dun laudo arbitral e máis dun 5% supuxeron a apertura dun expediente sancionador.

O ano pasado os galegos e as galegas presentaron ante o IGCC un total de 8.204 solicitudes de arbitraxe e a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia emitiu 2.424 laudos. Destes, o 68% foron estimatorios para os consumidores, o 25% desestimatorios e o 7,5% resolvéronse por conciliación entre as partes.

No tocante ao control do mercado, desenvolvéronse 27 campañas de inspección ao longo do ano, e realizáronse preto de 48.000 actuacións inspectoras, mentres que no Laboratorio de Consumo de Galicia se analizaron un total de 386 mostras. No ámbito da información e a divulgación, a Escola Galega de Consumo realizou 227 actividades para preto de 6700 alumnos, tanto de xeito presencial como virtual.

Día Mundial das Persoas Consumidoras

O Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, que se celebra cada ano o 15 de marzo, foi instaurado en 1983 por Nacións Unidas. Esta data foi elixida porque o 15 de marzo de 1962 o presidente dos Estados Unidos John Fitzgerald Kennedy pronunciou un discurso no que se considera por primeira vez ao consumidor como un elemento fundamental dentro do proceso produtivo e que foi un antendecente da primeira Carta de dereitos das persoas consumidoras. En 2021, a Comisión Europea elixiu como lema para a conmemoración “Loita contra a contamicación do plástico”, e o IGCC súmase a esta iniciativa cunha serie de actuacións que fomentan o consumo responsable e a recuperación sustentable.

Imaxes relacionadas