A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou a actuación da Xunta coincidindo co inicio da contratación dos traballos, unha intervención que mellorará a conexión de varias parroquias de Cabana coa autovía da Costa da Morte

Ethel Vázquez anuncia a licitación por máis de 1 M€ das obras da 1ª fase de acondicionamento e mellora da seguridade da estrada que une Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños

Vázquez Mourelle sinala que as empresas teñen ata o 12 de abril para presentar ofertas, co obxectivo de iniciar as obras no verán e rematalas a comezos de 2022

Repararase o firme e estenderase nova capa de rodadura en 5,3 km da AC-423, actuando tamén na rectificación das curvas con radio reducido nun tramo de 0,5 km

Executaranse 3 treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que conectarán cos actuais, para favorecer a mobilidade a pé

A conselleira pon como exemplo da aposta da Xunta pola mellora da mobilidade a senda executada recentemente en Cabana, entre os núcleos de Neaño e A Carballa, que supuxo un investimento de arredor de 0,5 M€

Adianta a próxima adxudicación da senda entre Carballo e Coristanco, na AC-552, co obxectivo de iniciar as obras xa en abril, cun investimento de máis de 1M€

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 15 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez anunciou hoxe a licitación por máis de 1 millóns de euros das obras da 1ª fase de acondicionamento e mellora da seguridade da estrada que une Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.

Vázquez Mourelle presentou a actuación da Xunta coincidindo co inicio, hoxe, da contratación da actuación para a mellora da seguridade viaria deste municipio e, tamén, do de Coristanco, unha intervención que tamén mellorará a conexión de varias parroquias de Cabana coa autovía da Costa da Morte. No acto, participaron os alcaldes de ambos os dous concellos José Muíño e Juan García, respectivamente.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 12 de abril para presentar as súas ofertas. A Xunta tamén prevé publicar en poucos días a convocatoria dos actos expropiatorios das 17 fincas necesarias para executar as obras: o levantamento de actas previas, previsiblemente, para o mes de abril, e a posterior formalización das actas de ocupación, en xuño.

Con este calendario, segundo avanzou a titular de Infraestruturas da Xunta, o obxectivo é iniciar as obras este mesmo verán e que estean finalizadas a comezos de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Ethel Vázquez explicou que se trata da 1ª fase de acondicionamento dun treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423, na que se mellorará o firme naqueles treitos que presenten deterioros, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación. Tamén se rectificarán as curvas con radio reducido -aquelas cun radio inferior aos 50 m.- nun treito aproximado de medio quilómetro.

Concretou que se executarán 3 treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que conectarán cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé. As sendas terán 1,6 metros de ancho. En palabras de Ethel Vázquez, “trátase de facilitar desprazamentos cómodos e seguros para os usuarios vulnerables da estrada”.

Ademais, colocaranse varandas de protección nos lugares onde hai maiores desniveis e renovarase unha marquesiña deteriorada, para garantir o acubillo e protección dos usuarios do bus.

Como actuación complementarias mellorarase a sinalización, os elementos de balizamento e defensas, coa reposición dos servizos afectados que sexa necesario.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na mellora significativa que estas obras suporán para o reforzo da seguridade viaria e tamén para ofrecer maior comodidade aos veciños destes dous municipios da Costa da Morte.

A este respectou, indicou que esta foi unha das actuacións propostas polo departamento que dirixe para optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Con todo, en palabras da conselleira, independentemente da disposición deste fondo, a Xunta executará as obras “para que os veciños de Cabana de Bergantiños e de Coristanco dispoñan de novos treitos de senda que lles permitan facer os seus desprazamentos cotiás a pé dun xeito máis cómodo e seguro”.

Ethel Vázquez amosou o compromiso da Xunta coa seguridade viaria e coa mellora da mobilidade na contorna, con actuacións como a senda entre os núcleos de Neaño e A Carballa, executada recentemente en Cabana de Bergantiños, que supuxo un investimento de arredor de 0,5 M€.

Ademais adiantou a previsión da Xunta de adxudicar en breve a senda entre Carballo e Coristanco, na AC-552, co obxectivo de iniciar as obras xa en abril, un novo itinerario que suporá un investimento autonómico de máis de 1M€.

Imaxes relacionadas