A Xunta comeza a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en distintas estradas das provincias de Ourense e de Pontevedra

Inícianse as rozas na estrada OU-525, no tramo entre a cidade de Ourense e Allariz; na OU-933, no municipio da Rúa; e na OU-533, ao seu paso pola Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa

Seguirán os labores iniciados a pasada semana na estrada OU-540, nos municipios de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios

Na provincia de Pontevedra está programado o inicio destas tarefas na VG-4.4, que comunica Lourizán e Ardán, ao seu paso por Marín; mentres seguen na vía de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en catro estradas autonómicas, tres na provincia de Ourense e nunha da de Pontevedra. En paralelo proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Lugo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán os traballos nas estradas OU-525, no tramo entre a cidade de Ourense e Allariz; na OU-933, no municipio da Rúa; e na OU-533, ao seu paso pola Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa. Ademais proseguirán os labores, iniciados a pasada semana, na estrada OU-540, nos municipios de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios.

Na provincia de Pontevedra está programado o inicio destas tarefas na VG-4.4, que comunica Lourizán e Ardán, ao seu paso por Marín. Tamén continuarán os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, na estrada que une Ares e Mugardos. No caso das estradas autonómicas da provincia de Lugo, proseguirán as tarefas iniciadas a pasada semana na estrada LU-530, en Lugo e Castroverde.

Os traballos que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas