A Xunta homenaxea ás mulleres rurais por ser un dos principais piares que sosteñen a identidade galega e exemplo de superación e constancia

As conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e do Mar, Rosa Quintana, acompañadas, entre outras, pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron en Cerdedo-Cotobade nun acto no que se enxalzou o papel destacado destas mulleres ao longo da historia de Galicia

Lorenzana avogou por facer o rural “máis versátil” para aproveitar toda a súa potencialidade con novas oportunidades que posibiliten elixilo como medio de vida

Rosa Quintana salientou a contribución da muller no eido do mar e da terra e animou a seguir traballando para dar a coñecer o papel feminino en todos os ámbitos da sociedade tanto en Galicia como fóra

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 13 de marzo de 2021

A Xunta rendeu hoxe unha homenaxe ás mulleres rurais galegas con motivo esta semana da celebración do 8M- Día Internacional da Muller, nun acto organizado pola Consellería de Emprego e Igualdade, que tivo lugar en Cerdedo-Cotobade, e no que o Goberno galego enxalzou o papel destacado destas mulleres ao longo da historia de Galicia e agradeceu o labor que desenvolven asociacións como Femuro, Femupo, Fademur e a Federación de Redeiras Artesás O Peirao para visibilizar o traballo das mulleres rurais.

Así, a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou que as mulleres rurais son exemplo de “superación, resiliencia e constancia” e constitúen “un dos principais piares que sosteñen a identidade galega”. Por iso, avogou por facer o rural “máis versátil” para aproveitar toda a súa potencialidade con novas oportunidades en oficios e sectores que posibiliten a todas as mulleres, e, tamén aos homes, elixir o rural como medio de vida.

Para Lorenzana o rural galego é sinónimo de “ilusión e dinamismo” e, por iso, animou a reivindicalo e impulsalo colaborando, como está a facer a Xunta, cos movementos comprometidos co rural galego e que loitan polos seus intereses día a día.

Entre as actuacións que ten en marcha a Xunta para dar visibilidade e dignificar o papel feminino no medio rural destacan, entre outros, o programa Sementes para a Igualdade, que a través dunha serie de vídeos protagonizados por mulleres rurais pretende concienciar sobre as desigualdades entre xéneros; o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que avoga pola redución da fenda dixital de xénero e por apoiar o empoderamento das mulleres rurais e a súa incorporación ás estruturas de decisións dos sectores agrarios e pesqueiros; o programa de Emega para impulsar o emprendemento feminino; Emprega Muller para promover a formación e contratación de mulleres; ou os convenios de colaboración para loitar contra a violencia de xénero.

Impulso da muller no mar e no agro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou, doutro lado, a contribución da muller no eido do mar e da terra a través do seu labor na produción pesqueira, marisqueira e acuícola así como agrícola e gandeira. Neste sentido, subliñou que a figura feminina foi fundamental no desenvolvemento de iniciativas innovadoras para a transformación dos produtos primarios e no impulso do proxecto vital de Galicia, polo que animou a seguir traballando para dar a coñecer o papel feminino en todos os ámbitos da sociedade.

A titular de Mar lembrou que segue a existir fenda de xénero e pediu un esforzo para dar a coñecer o labor das mulleres en asuntos como o emprendemento económico, a cohesión familiar, a remuda xeracional ou a igualdade de oportunidades profesionais. Rosa Quintana destacou que a muller foi conquistando co paso do tempo mares e terreos moi diversos e que conseguiu profesionalizarse, agruparse e impulsar o seu liderado facendo escoitar a súa voz alto e claro en todos os foros, tanto en Galicia como fóra da comunidade.

“As mulleres que construímos Galicia compartimos e defendemos os mesmos intereses, desde o sector marítimo ou do agro e desde calquera punto da comunidade, e así debemos seguir facéndoo”, concluíu a conselleira do Mar, que agradeceu o seu labor ás asociacións de mulleres que participaron no acto.

Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou a importancia das mulleres no agro e, neste sentido, lembrou que o número de mulleres titulares de explotacións na nosa comunidade supera o 50%, moi por riba da media nacional. Ademais, apostou pola formación e a innovación no sector primario como claves para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no rural galego.

Por iso, engadiu Santé, o apoio á muller no eido rural constitúe “unha liña prioritaria e un eixo transversal” na Xunta de Galicia. Unha aposta, dixo, “pola evolución tecnolóxica, pola innovación, por novas ferramentas para traballar no sector primario e por nova lexislación na que somos pioneiras en Europa”, todo co fin de acadar esa igualdade en todos os escenarios.

Imaxes relacionadas