A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mendo, nos concellos de Oza-Cesuras e de Coirós

Os traballos estanse a desenvolver no leito do río, nun tramo de 3,1 km de lonxitude

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos

O obxectivo é a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mendo, nos concellos de Oza-Cesuras e de Coirós.

Estes traballos estanse a desenvolver no leito deste río, nun tramo de 3,1 quilómetros de lonxitude, ao seu paso por distintos lugares destes municipios.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permite a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas