A Xunta incide na importancia da colaboración entre administracións no reforzo do material dos servizos de emerxencias

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á presentación do equipamento para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago adquirido en colaboración coa Deputación da Coruña e o concello

A Xunta achegou 55.000 euros para a adquisición dun vehículo todo camiño, un todo terreo e un furgón de emerxencias no marco deste acordo

O Goberno galego xa aprobou un novo Plan de protección civil de atención ao peregrino 2021 coa vista posta neste Xacobeo

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á conmemoración do XXV aniversario de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Santiago de Compostela e á presentación dos tres vehículos adquiridos no marco do convenio de colaboración asinado o pasado outubro xunto coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para reforzar o seu equipamento de emerxencias. Ao acto tamén acudiu o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, representantes da Deputación coruñesa e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Alfonso Rueda puxo en valor que a colaboración entre administracións permite poñer máis e mellores servizos á disposición da cidadanía, como este convenio no que a Xunta investiu 55.000 euros para a adquisición dun vehículo todo camiño, un todoterreo e un furgón de emerxencias para os servizos de protección civil da cidade.

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que este equipamento contribuirá a mellorar a eficacia nas intervencións da agrupación, entre elas a atención aos peregrinos que percorren as distintas rutas do Camiño de Santiago.

De feito, o acordo mellora o equipamento da agrupación da capital galega para que os seus efectivos conten co material necesario para realizar o seu traballo con tódalas garantías e nas mellores condicións e, ao mesmo tempo, contribúe a que todo estea preparado para este Xacobeo.

Nesta liña, o Goberno galego xa aprobou tamén o plan de protección civil de atención ao peregrino, co obxectivo de que os camiñantes que cheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas dispoñan dunha atención continua ante situacións de emerxencia nas que precisen axuda.

Alfonso Rueda agradeceu tamén o labor altruísta levado a cabo cada día polos voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade dos cidadáns, así como a súa implicación nos meses máis duros da pandemia en operativos relacionados coa loita contra a covid-19. Así, participaron no reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade e na limpeza e desinfección de lugares públicos. Deste xeito, destacou a colaboración destas agrupacións para reforzar os servizos de emerxencias, sobre todo en actividades de prevención, e mesmo en intervencións.

Imaxes relacionadas