Un total de 80 estudantes de bacharelato participan hoxe na fase clasificatoria da duodécima edición de parlamento Xove

Esta primeira parte do torneo de debate dispútana 20 equipos pertencentes a 13 centros galegos

A pregunta desta edición é: “Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?”

A fin de semana pasada, os debates de ESO contaron con preto de 5.000 visualizacións en streaming
 

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe na fase clasificatoria de Bacharelato na duodécima edición do programa Parlamento Xove que, pola situación sanitaria, volve celebrarse de xeito telemático. Deulle a benvida ao preto de 80 estudantes de Bacharelato que se deron cita para debater sobre unha cuestión de máxima actualidade.

Ao igual que na fase de ESO, celebrada a pasada fin de semana, os equipos confrontarán ao longo do día as súas opinións sobre a seguinte pregunta: Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?. Nesta primeira quenda participan 20 equipos, cada un deles formado por unha persoa docente, que exerce de coordinador do grupo, e por catro estudantes. Os debates poden seguirse por streaming a través dos enlaces publicados na web http://xuventude.xunta.es/parlamento-xove.

A pandemia xa obrigou a celebrar online parte da edición de 2020 de Parlamento Xove. A Xunta de Galicia valorará a posibilidade de que as finais se celebren de xeito presencial no Parlamento de Galicia en función da evolución da situación sanitaria. En caso de que o desaconsellen, utilizarase de novo a vía telemática.

Equipos participantes

En concreto, na categoría de Bacharelato déronse cita 11 equipos de centros da provincia de Pontevedra: o IES Laxeiro 1 e o IES Laxeiro 2, de Lalín; o Colexio Internacional SEK-Atlántico 1 e 2, de Poio; o IES A Xunqueira II 1 e 2, de Pontevedra; o IES Valle Inclán 1 e 2, de Pontevedra; o IES Soutomaior; e o IES Marco do Camballón 1 e 2, en Vila de Cruces.

Tamén participan catro grupos da provincia da Coruña: Colexio Maristas de Cristo Rei, da Coruña; o IES Plurilingüe Fontexería, de Muros; e o Colexio La Salle 1 e 2, de Santiago. Da provincia de Lugo son tres os equipos participantes: do IES Becerreá 1 e 2; e un equipo do IES Francisco Daviña Rey, de Monforte. En canto á provincia de Ourense, participan equipos do CPR Plurilingüe Santa María 1 e 2.

Outras fases clasificatorias

Ademais da modalidade de Bacharelato, tamén existe a competición para alumnos da ESO, cuxa fase de clasificación se celebrou a semana pasada, e de universidade. Os 8 equipos universitarios inscritos celebrarán directamente unha fase final cuxa data aínda está por determinar.

Cómpre destacar que os debates de ESO recibiron un total de 4.909 visitas de 1.130 persoas diferentes a través de streaming. Os equipos desta categoría que pasaron á fase final son: Colexio La Salle de Santiago, CPR Plurilingüe Sagrada Familia (equipos 1 e 2) de Vilagarcía de Arousa, IES A Pinguela de Monforte, CPR Maristas A Inmaculada (equipo 2) de Lugo, Colexio Maristas Cristo Rei (equipo 2) de A Coruña, CPR Santiago Apostol de Soutomaior e CPR Plurilingüe Divino Salvador de Vigo.

Polo tanto, este ano o programa Parlamento Xove da Xunta de Galicia contará con máis de 200 estudantes da ESO, Bacharelato e das universidades galegas.