O contrato forma parte do convenio co Concello que marca 5 accións prioritarias para reducir o risco de asolagamento nesta área, cun investimento autonómico de 3M€

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo de remodelación integral do parque de San Martiño de Carballo, parte do Plan de xestión do risco de inundacións no río Anllóns

Os traballos, adxudicados por preto de 18.000 euros, teñen un prazo de 2 meses

O contrato desenvolverá a solución deseñada no anteproxecto de Augas de Galicia para a construción de motas de protección fronte ás avenidas no parque

Definiranse as obras en tres zonas diferenciadas: augas abaixo da ponte de Cálea Sol; no propio parque San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e entre a ponte da rúa Iglesia e a ponte Aforo

Augas de Galicia está a redactar o proxecto de construción dunha canle de desaugadoiro do río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto

A Xunta prevé investir un total de 3 millóns de euros nas obras previstas no convenio asinado o pasado mes de xaneiro co Concello de Carballo para reducir o risco de inundacións nesta área de especial risco
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo de remodelación integral do parque de San Martiño, no concello de Carballo.

Trátase dunha das 5 actuacións prioritarias para reducir o risco de asolagamento no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés, deseñadas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para esta área declarada de risco potencial significativo.

O contrato, adxudicado á empresa Ingeniería del Noroeste, S.L., por un investimento de preto de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 2 meses.

O obxectivo deste traballo é o desenvolvemento da solución definida no anteproxecto redactado por Augas de Galicia, para a construción de motas de protección fronte ás avenidas no Parque San Martiño.

Deste xeito, o adxudicatario definirá as obras sobre a base das medidas previstas no dito anteproxecto, con tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte de Cálea Sol; a segunda no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte Aforo.

Convenio de colaboración


A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en xaneiro polo departamento que dirixe Ethel Vázquez e o Concello de Carballo, que suporá un investimento autonómico global de 3 millóns de euros.

Este acordo establece que o Concello de Carballo debe pór á disposición os terreos e a Xunta, ademais da identificación das actuacións necesarias, elabora os anteproxectos e, posteriormente, os proxectos construtivos e a execución das obras.

No citado convenio inclúense outras catro actuacións, estando xa adxudicada e en avanzada fase de redacción o proxecto de construción dunha canle de desaugadoiro do río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto.

As outras tres actuación correspóndense cos proxectos de demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a remodelación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

A Xunta segue traballando para continuar coa contratación da redacción destes catro proxectos construtivos e das obras, que deben estar completamente rematadas en 2023.

Plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns


Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo. Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente.

Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.