A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe o centro de Santiso acompañada do alcalde, Manuel Adán

A Xunta flexibiliza os requisitos dos concellos e dos usuarios das 63 novas casas do maior que prevé crear este ano

Poderase adherir calquera concello que non teña centro de día ou servizo similar, e non só os que teñan menos de 5.000 habitantes como na actualidade

Amplíase o perfil do usuario que pode acudir a estes centros, que xa non terá que ter un grao de dependencia I ou II, senón que poderán ser persoas autónomas

As promotoras terán a opción de asumir o desprazamento dos usuarios, para o que a Xunta destinará unha axuda adicional de 5 euros por persoa e día

O investimento total para esta orde ascende a 5,3 millóns de euros, o que permitirá cuadriplicar a súa implantación

Santiso (A Coruña), 12 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a nova orde de axudas para abrir 63 novas casas do maior flexibiliza os requisitos dos concellos e o perfil do usuario que se pode beneficiar destes pequenos centros de día no rural. Fíxoo durante unha visita realizada esta mañá á casa do maior de Santiso e na que estivo acompañada do alcalde da localidade, Manuel Adán.

A conselleira concretou que esta convocatoria permitirá que se adhira a este programa calquera concello que non teña centro de día ou un servizo similar, en lugar de unicamente aqueles que teñan menos de 5.000 habitantes como na actualidade. En segundo lugar, amplíase o perfil do usuario que pode acudir a estes centros, que xa non terá que ter un grao de dependencia I ou II recoñecido, senón que poderán ser persoas autónomas.

Por último, sinalou que as promotoras das casas do maior terán tamén a opción de asumir o desprazamento dos usuarios cara e desde o centro. Trátase dunha petición reiterada por parte dos usuarios e que agora poderá ser realidade cunha axuda adicional da Xunta de 5 euros por persoa e día para o responsable da casa do maior.

Investimento de 5,3 millóns de euros

Fabiola García reiterou que os 20 centros que hai en funcionamento demostraron que prestan un servizo útil para as familias e moi beneficioso para as persoas maiores. Por este motivo, o Goberno galego cuadriplicará a súa implantación ao longo deste ano, para o que destinará 5,3 millóns de euros a crear máis de 80 novos centros en toda Galicia. Esta partida permitirá asumir os gastos de adecuación das instalacións e tamén o seu funcionamento diario.

En concreto, destinaranse 945.000 euros a adaptar as instalacións a este servizo, cunha cantidade límite de 15.000 euros por centro. Por outra banda, investiranse 4,4 millóns de euros para o mantemento dos centros, 19.600 euros anuais para cada casa do maior. Este orzamento inclúe o funcionamento do servizo ata o ano 2023, cando se actualizará a contía anual de mantemento.

Imaxes relacionadas