A Xunta pon a disposición das empresas axudas de ata 5.000€ e unha nova web para a elaboración de plans de igualdade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha webinar, organizada por Asime, na que detallou os mecanismos que ofrece a Xunta para apoiar ás empresas na implantación de plans de igualdade

Emprego e Igualdade conta con apoios para as empresas que non están obrigadas a ter estes plans, para a súa elaboración, ou para a posta en marcha dunha diagnose da compañía desde a perspectiva de xénero

Está en marcha o novo portal web, aigualdadelaboral.gal, no que se ofrece información detallada sobre as accións a prol da consecución da igualdade laboral e de oportunidades en Galicia

Mancha puxo en valor a nova aplicación de autoavaliación periódica coa que as empresas poden calcular de balde o nivel de desenvolvemento e impacto de xénero

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha webinar, organizada por Asime, dirixida a facilitar información sobre os plans de igualdade das empresas que conforman a asociación. Mancha destacou a importancia de avanzar cara a igualdade de oportunidades a través da elaboración destes plans, sinalando que é “un dos instrumentos máis potentes” para acadar a igualdade entre homes e mulleres. En palabras de Mancha, unha empresa que dá un trato de igualdade a todas as persoas traballadoras mellora a súa competitividade, o que contribúe a contar “cunha Galicia máis sustentable de futuro coa responsabilidade social empresarial como elemento diferencial”.

A directora xeral, por iso, reafirmou o compromiso da Xunta coa igualdade e informou na webinar dos instrumentos cos que conta a Administración autonómica para apoiar ás empresas neste cometido. Así, puxo en valor as axudas ás empresas que non están obrigadas á elaboración dun plan de igualdade para costear os gastos da súa implementación. Esta convocatoria publicarse proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e inclúe apoios de ata 5.000 euros dependendo do tamaño da empresa, tanto para a elaboración dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero como para a elaboración dun plan de igualdade e as medidas de igualdade. A Xunta, ademais, conta con axudas para os custos derivados da primeira fase da implantación das medidas prioritarias previstas no plan de igualdade, que xa teña aprobado a firma, e que chegan aos 2.000€.

A directora xeral, así mesmo, lembrou que a Consellería de Empego e Igualdade puxo en marcha esta mesma semana o portal web de igualdade laboral, aigualdadelaboral.gal, que nace co obxectivo de centralizar a información sobre as accións a prol da consecución da igualdade laboral e de oportunidades en Galicia. Esta ferramenta facilitará que as persoas traballadoras, empresas, e a sociedade, en xeral, teñan un coñecemento máis amplo e profundo das novidades que se desenvolven neste ámbito. Entre os diversos contidos que se inclúen no portal, atópanse as competencias da Xunta de Galicia e normativa vixente; aspectos legais da igualdade na empresa, xunto cos enlaces aos procedementos e portais de aplicación; recursos e ferramentas como a guía para a elaboración dos plans de igualdade e unha ferramenta web de autodiagnose en materia de igualdade laboral; boas prácticas e experiencias, especialmente de empresas e entidades galegas, e tamén nacionais e internacionais; medidas de conciliación; noticias e novidades; e un sistema de información e contacto.

Unha ferramenta innovadora

A guía para a elaboración de plans de igualdade, que se pode atopar na web, permitirá ás empresas recibir información detallada sobre os aspectos e conceptos necesarios para levar a cabo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan. En canto á ferramenta de autodiagnose en materia de igualdade laboral, un instrumento innovador, ofrece de balde ás empresas avaliar de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto en relación coa igualdade de xénero e oportunidades laborais. Esta ferramenta aportará ás empresas, de xeito complementario, recomendacións para mellorar a súa eficiencia na implantación de medidas a prol da igualdade e tamén lles permitirá coñecer a súa situación comparativa respecto doutras organizacións con diferentes niveis de madurez e recursos.

Mancha, por último, lembrou que a nova normativa estatal obriga a negociar os plans de igualdade coa representación legal das persoas traballadoras e, se esta non existe, coas organizacións sindicais. Para axudar ás empresas co novo regulamento, a Xunta puxo en marcha de maneira pioneira formación en materia de igualdade laboral dirixida aos axentes sociais, unha iniciativa que se acordou no seo do Diálogo Social. O que se fixou foi a impartición de contidos mínimos de formación básica e media en igualdade laboral de 8 e 35 horas. Esta mesma semana finalizou a formación de 8 horas en plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas de igualdade e protocolo de acoso sexual e por razón de sexo.

A Xunta porá en marcha agora unha plataforma de teleformación na que se poderá acceder aos contidos destas accións formativas e que incluirá un sistema de titorización cos mesmos profesores que participaron na formación. O obxectivo é que de xeito sinxelo as persoas interesadas poidan acceder a un sistema de formación mínima que lles axude a ter os coñecementos mínimos para iniciar unha negociación de igualdade. “Galicia é pioneira en facilitar esta formación directamente as persoas negociadoras dos plans e a todas aquelas que queiran adquirir coñecementos básicos sobre esta materia”, incidiu Mancha.