A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo unha reunión co alcalde de Foz, Francisco Cajoto, para abordar actuacións hidráulicas no municipio

A Xunta e o Concello de Foz coinciden na necesidade de máis axilidade nos trámites por parte da Dirección Xeral da Costa e o Mar para o impulso da nova depuradora do municipio

A directora e o alcalde comparten a preocupación ante os requisitos da Lei de Costas para a regularización de depuradoras en dominio público

A Xunta abordará mañá esta cuestión co secretario de Estado de Medio Ambiente

Teresa Gutiérrez indica que a Xunta rematou a redacción do proxecto da nova depuradora de Foz e está a avanzar na tramitación ambiental

Explica que Augas de Galicia, unha vez finalizado o trámite ambiental, lle solicitará ao organismo estatal que reanude a tramitación da ocupación en dominio público

De modo paralelo, sinala que Augas de Galicia avanzará na licitación da redacción do proxecto construtivo para a execución das obras

Apunta que o Concello debe aprobar o proxecto en Pleno, pór os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A Xunta e o Concello de Foz coinciden na necesidade de axilidade nos trámites por parte da Dirección Xeral da Costa e o Mar para o impulso da nova depuradora deste municipio.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Foz, Francisco Cajoto, para abordar actuacións de carácter hidráulico neste concello.

Os representantes da Administración local e autonómica expuxeron a preocupación pola dificultade para cumprir os requisitos que a Lei de Costas establece para a regularización das depuradoras en Dominio Público Marítimo Terrestre no municipio.

Esta cuestión será abordada mañá nunha xuntanza entre a Xunta e o secretario de Estado de Medio Ambiente.

Teresa Gutiérrez explicou que esta preocupación é compartida por outros concellos que contan con depuradoras executadas hai anos e que non foron regularizadas no seu momento.

Indicoulle ao rexedor que Augas de Galicia lle vén reiterando á Dirección Xeral da Costa e o Mar estes problemas, que debe solucionar ao ser unha competencia estatal.

No que se refire á depuradora de Foz, Gutiérrez informou ao alcalde de que a Xunta xa ten rematada a redacción do proxecto, que se atopa en fase de tramitación ambiental, tan só pendente dun informe que Patrimonio Cultural prevé remitir en breve.

Detallou que unha vez se dispoña do citado informe, Augas de Galicia avanzará nos seguintes trámites. Así, a Xunta solicitaralle ao organismo estatal que reanude a tramitación da ocupación en dominio público.

De modo paralelo, sinalou que a Xunta comezará os trámites para a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras.

Non obstante, subliñou que o Concello de Foz tamén debe avanzar nos trámites da súa responsabilidade, é dicir, aprobar o proxecto en Pleno, pór os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.