A Xunta inicia as obras de limpeza e conservación da ponte da estrada autonómica OU-536 no Concello de Xunqueira de Espadanedo

A intervención conta cun investimento autonómico de preto de 42.000 euros e cun prazo de execución estimando dun mes

Procederase á retirada manual de vexetación e maleza dos paramentos de cantería, á reposición de pezas danadas e ao recheo de xuntas

Repararanse, ademais, as beirarrúas deterioradas e limparase a estrada nas marxes próximas á ponte

A actuación enmárcase no programa pioneiro de inspección e control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para garantir a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuacións preventivas

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de iniciar os traballos de limpeza e conservación da ponte da estrada autonómica OU-536, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

A intervención foi adxudicada á empresa Hermanos Caride Fernández Trabajos Verticales e conta cun investimento próximo aos 42.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución estimado dun mes.

Esta actuación de limpeza e conservación lévase a cabo tras a inspección técnica realizada na ponte, situada no punto quilométrico 22+870 da OU-536, que presenta nos seus paramentos abundante maleza.

Os traballos que se inician inclúen a retirada manual de vexetación dos paramentos de cantería, a limpeza de xuntas e a reposición de pezas danadas ou desaparecidas do paramento, mediante sillería nova; así como o recheo profundo, onde sexa necesario, de xuntas horizontais e verticais dos paramentos de sillería.

Tamén se procederá á reparación das beirarrúas deterioradas, mediante a demolición e levantado destas e á posterior colocación de pavimento de baldosas hidráulicas.

Ademais, realizaranse as tarefas de roza e limpeza do dominio público da estrada nas marxes próximas á ponte.

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas